Silleda, 20 de decembro de 2018. Usuarios e técnicos do Centro de Recursos para persoas con Discapacidade de Cogami en Medelo e representantes do colectivo Working Wheels presentaron hoxe no Concello de Silleda un estudio con propostas para mellorar a accesibilidade nos espazos públicos das vilas de Silleda e da Bandeira. O grupo foi recibido polo alcalde, Manuel Cuiña, e polo concelleiro de Urbanismo, Obras e Servizos, Klaus Brey, que agradeceron a realización “deste traballo que vemos perfectamente asumible e necesario”, indica.
Estes dous colectivos, que xa participaron a pasada semana nas mesas de traballo para elaboraro o Plan de Mobilidade Sostible do municipio, explicaron as liñas xerais do traballo realizado, baixo o lema Por un municipio sen barreiras.
A adaptación das beirarrúas para o uso tanto o uso de cadeira de rodas, como carriños de bebés, persoas con muletas…, a eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora de accesos a edificios, son algunhas das suxerencias recollidas na proposta, cunha detallada revisión dos dous cascos urbanos do municipio, que se presenta acompañada de sinaturas.
“É de agradecer o traballo minucioso que realizaron estes dous colectivos e que sen dúbida algunha redundarán nunha mellora da calidade de vida non só das personas con mobilidade reducida senon de toda a poboación en xeral”, indica Cuiña, que explicou ao grupo as iniciativas levadas a cabo nos últimos anos en algúns puntos do municipio.
O entorno da Gandareira, un exemplo a seguir
Así mesmo, Cuiña tamén avanzou que as dúas próximas urbanizacións que acometerá o Concello de Silleda, no entorno da residencia de maiores e na rúa Chousa Nova, xunto ao centro de saúde, se utilizará un deseño cunha clara aposta pola prevalencia dos peóns seguindo a liña da urbanización do entorno da Gandareira, “pola que precisamente nos felicitaron estes colectivos”, engade.
Cuiña tamén se comprometeu, ademais de revisar todos os puntos advertidos na proposta, a realizar un maior seguemento no tocante á accesibilidade de locais á hora de outorgar as licenzas.
“Ademais da visión dos técnicos é moi importante para nós a experiencia de persoas e colectivos coma o do centro de Cogami en Medelo e Working Wheels que traballan pola integración”, engade Cuiña.