Silleda, 6 de novembro de 2013. O entorno da praza da Feira da Bandeira xa conta coa sinalización consensuada o pasado mes de outubro para mellorar a seguridade viaria no entorno da praza da Feira e do parque infantil. Así, os operarios municipais do departamento de Obras e Servizos colocaron hoxe as 5 sinais verticais que limitan a velocidade a 30 kilómetros (2 na rúa do Parque, en ámbolos dous sentidos de circulación; 1 na rúa dos Pendellos; 1 na rúa do Entroido e outra na Rúa da Feira).
Así mesmo, na xornada de mañá está previsto que se instale tamén a sinal que prohíbe a circulación na rúa do Entroido, dende a rúa do Parque. Deste xeito o citado tramo quedará con só un sentido de circulación para o tráfico.
A colocación destas sinais por parte do Concello de Silleda foi acordada o pasado 2 de outubro na reunión entre o goberno municipal, veciños da Bandeira, grupos da oposición, e membros da Anpa Brincadeira. Queda só por executar a dotación de dous pasos elevados na rúa do Parque e na rúa da Feira, unha actuación que se fará á maior brevidade posible, en cando se dispoñan de fondos municipais.