Silleda, 19 de marzo de 2013. Hoxe rematouse o reparto dos 10 colectores de pilas que estarán a disposición dos veciños e veciñas nos centros públicos do municipio, un servizo no convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades Xestoras de Sistemas Integrados de Xestión (SIX) para a recollida de pilas e acumuladores. Os ‘Recopiladores’ están xa situados na Casa do Concello, Casa da Xuventude, Casa da Cultura-Biblioteca; Centro Social dos Maiores; Escola de Música Municipal e Centro de Saúde.
Tamén se distribuiron colectores na vila da Bandeira, que estarán no Centro Cultural Vista Alegre; Centro Social dos Maiores; Centro de Saúde e no Auditorio Municipal Manuel Dopazo.
O citado convenio posibilita distintas fórmulas de xestión, e no caso de Silleda optouse pola que só compromete ao Concello a recepcionar e almacenar, de xeito temporal, os residuos que se recollan. Así, serán as entidades xestoras (no caso de Silleda a empresa Ecopilas) as que coordinen e costeen o servizo de recollida e transporte.
Así mesmo, para as persoas que teñan unha cantidade máis grande de pilas ou baterías recomendase acudir ao Punto Limpo, servizo gratuito aberto ao público todos os mércores e sábados de 09.00 a 14.00 horas.
Dende o departamento de Medio Ambiente, que dirixe o concelleiro Antonio Couso, acordáronse estes puntos de recollida con Ecopilas, situándose en lugares públicos, onde se rexistra unha maior afluenza de público, para facilitar os depósitos aos veciños e veciñas do municipio.