Silleda, 18 de febreiro de 2013. O programa de recollida de plásticos agrícolas de silos e invernadoiros arrancou hoxe no municipio silledense, onde nas últimas semanas se recibiron máis dun centenar de avisos por parte dos gandeiros e gandeiras de distintas parroquias.
En total foron 104 as chamadas recibidas no departamento municipal de Medio Rural e Medio Ambiente dende distintas parroquias do municipio para contar con este servizo, totalmente gratuito. A axenda da recollida iniciouse hoxe na parroquia de Escuadro, coa retirada de plásticos nos lugares de Bustelo, Cimadevila, Sestelo, Soldecasa, Escuadro e Penadauga.
O concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Antonio Couso, sinala que a demanda dos gandeiros e gandeiras está na liña de anos anteriores e lembra que este servizo, logo desta recollida, continuará ao longo de todo o ano.
Este servizo estable para a retirada de plásticos agrícolas é unha das melloras acadadas logo das negociacións coa empresa xestora dos residuos Secope. Realizarase unha ou dúas veces ao mes, en función da demanda que exista. “Despois desta recollida xeral que se está levando a cabo, os usuarios terán á súa disposición durante todo o ano este servizo, co que así evitamos tamén que estes residuos se vaian acumulando”, indica Couso.
Retirada de neumáticos e papel-cartón
Outras das melloras logradas é a estrea dun servizo para a recollida de neumáticos. Neste caso, os solicitantes deben abonar o custe da reciclaxe ( o transporte é gratuito). Sería de 1,30 euros/ por unidade, para rodas de turismos; 2,10 euros para os de furgoneta; e 7,25 euros por cada roda de camión ou tractor. Despois de febreiro, unha vez rematada a campaña xeral de plásticos, os que desexen acollerse a este servizo poden chamar ao Concello. Cando se realice esta recollida de rodas tamén se aproveitará para levar os cartóns e embalaxes das explotacións. “Ademais de chamar para a recollida de plásticos, os gandeiros tamén poden dar aviso para que lle retiren as rodas e o papel-cartón”, sinala o concelleiro, que destaca que esta ampliación do servizo supón grandes melloras para o tratamento axeitados dos residuos.