Comeza a revisión dos documentos cedidos por Roberto Rivas ao Concello de Silleda

 

Silleda, 2 de outubro de 2013. Varios técnicos do Arquivo Provincial de Pontevedra visitaron hoxe Silleda para ter unha primeira toma de contacto cos documentos que cederá Roberto Rivas, propietario do pazo de Sestelo, na parroquia de Siador. O equipo técnico mantivo un encontro  na Casa da Cultura co alcalde, Manuel Cuíña, con Alfredo Abeledo, traballador municipal que se encargará da creación do Centro de Documentación Histórica do Concello, e tamén por vía tele´fonica con Roberto Rivas, residente en Madrid, quen dende alí se comprometeu ademais a aportar documentación sobre o santuario saletino.

O material revisado hoxe está composto por 35 arquivadores que conteñen na súa maioría documentos datados entre os séculos  XV e o XIX (o máis antigo é do ano 1598). Os documentos atópanse en bo estado de conservación, tanto no tocante ao papel como da tinta.

O equipo técnico encargase agora de facer un informe sobre o estado do material, papel e escritura que se remitirá á Presidencia da Deputación de Pontevedra, que determinará a conveniencia de dixitalizar estes documentos, algo que se solicitou en días pasados dende a Alcaldía.

 

 En caso de que se acepte levar a cabo este proceso, o traballo realizaríase en tres fases. Así,  nunha primeira haberá que realizar unha base de datos, cun resumo e índice dos contidos. Deste xeito, dende o Concello poderase facer unha selección dos documentos de maior interese. Nunha segunda procederíase a dixitalizar os documentos, e a terceira e máis complicada pasaría pola transcrición dos seus contidos.

O alcalde, Manuel Cuíña agradece á Deputación de Pontevedra á súa dilixencia á hora de realizar esta valoración “xa que a resposta foi moi rápida”. Cuíña reiteira, en nome de todos os veciños e veciñas de Silleda “a nosa gratitude a Don Roberto Rivas por ceder esta valiosa documentación, que seguro nos aportará novos datos sobre a historia do noso municipio e por poñer este magnífico legado á disposición do público”.

Rivas é descendente de Francisco Mª de Rivas, veciño de Siador (era o seu tataravó) e alcalde de Chapa (parroquia onde estivo situado o Concello a mediados do século XIX). Ademais, Francisco de Rivas foi o que promoveu a creación do Santuario de Siador, o primeiro adicado en España á virxe da Saleta, encargando no ano 1863 a imaxe de ao escultor Magariños, que foi traída a ombreiros dende Compostela a Siador.

Neste senso, entre a documentación que Rivas legará ao Concello figuran documentos relacionados coa creación do santuario de Siador.