Silleda, 14 de novembro de 2016. O proceso de selección dos alumnos/as traballadores/as para o Obradoiro de Emprego Semente de Pedra do Concello de Silleda iniciouse esta mañá coa presentación de solicitudes e documentación por parte das persoas seleccionadas previamente dende a Oficina de Emprego de Lalín.
O obradoiro, que se prolongará ata o mes de xuño, contará cun total de 20 alumnos/as-traballadores/as, repartidos en dous módulos. Elixiranse 8 para o módulo de Canteiría e colocación de pedra natural (nivel 2) e 12 para o de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.
Na convocatoria de hoxe acudiron 50 persoas (no listado figuraban tres candidatos/as por cada un dos postos) que entregaron a carta de presentación que lles facilitou o INEM e aportaron unha serie de documentación.
O tribunal decidiu conceder o día de mañá martes para completar a documentación a todas aquelas persoas que aínda non tiveran os documentos requeridos.
Esta primeira fase de selección continuará o vindeiro luns día 21 coa publicación do listado dos admitidos /excluidos e a convocatoria da entrevista persoal que realizará o equipo mixto encargado da selección (con persoal municipal e da Xunta de Galicia). Neste listado haberá dous candidatos/as por cada un dos postos.
A entrevista, que forma parte da segunda fase da selección, realizarase o mércores día 23 de novembro na Casa da Cultura. A partir das 09:30 acudirán os seleccionados do grupo de xardinería e ás 12:00 os de canteiría.
Persoal técnico
Por outra banda, a lista definitiva cos aspirantes aos postos de persoal técnico do Obradoiro de Emprego (un director/a; 1 titor/a; dous docentes e 1 administrativo/a) foi publicada hoxe. A entrevista coa comisión mixta será o vindeiro vernes día 18 na Oficina de Emprego de Lalín.
Para máis información sobre horarios das entrevistas os interesados/as poden dirixirse ao taboleiro de anuncios do Concello ou ás oficinas do INEM en Lalín.