Silleda, 9 de xaneiro de 2017-. Mañá martes volta a Silleda o Programa de Intervención Integral a Persoas con Alzhéimer e familias coidadoras que desenvolve o Concello de Silleda a través da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra (AFAPO). O programa retómase co curso para familiares e coidadores/as das persoas aqueixadas desta enfermidade.
En total participarán 20 persoas nun ciclo que continuará ao longo de varias xornadas (o xoves 12, o martes 17 e xoves 19) na Casa da Xuventude, en horario de 17:00 a 19:00 horas.
A cita será na Casa da Xuventude onde tamén se desenvolverán os obradoiros de estimulación cognitiva para persoas enfermas, que comezan o vindeiro mes de febreiro e continuarán ata o mes de decembro, con 15 usuarios/as.
Na apertura do curso participarán ademais da concelleira de Benestar Social, Pili Peón, o alcalde, Manuel Cuiña e o presidente de Afapo Pontevedra, José Manuel Fontenla.