Comeza o pintado das rúas nos cascos urbanos

Silleda, 18 de maio de 2015. Hoxe comezaron en Silleda os traballos do proxecto de mellora  da sinalización horizontal dos cascos urbanos de Silleda e da Bandeira. A obra foi adxudicada por 55.039,83 á empresa Endenor.

Esta ambiciosa actuación permitirá repoñer a pintura de todos os cebreados e o pintado lonxitudinal de todas as rúas. “Así mellorarase a sinalización nos dous cascos ao tempo que se reforza a seguridade viaria”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Os traballos, que se prolongarán durante varias semanas, iniciáronse hoxe na zona da rúa Outeiro e do recinto feiral Semana Verde.

En total actuarase sobre as 16 vías urbanas da Bandeira e outras 32 do casco urbano de Silleda.

Búscase con esta actuación mellorar os dous núcleos sillendeses tendo en conta que nalgún caso o pintado sobre o pavimento actual se atopa deteriorado ou cun estado de conservación deficiente.

“Aínda que dende o Concello vimos actuando de xeito puntual repintando por exemplo os pasos de peóns xunto aos centros escolares, hai que ter en conta que esta sinalización horizontal precisa unha reposición xeral”, explica o alcalde. Actuarase sobre pasos de peóns (cebreados), flechas e outros indicativos, delimitación de zonas de aparcamento… e outros elementos de sinalización horizontal.

 

Pintado das farolas

Por outra banda, tamén se está a rematar nestes días o repintado das bases das farolas na zona de Outeiro e Pintor Colmeiro, onde están a traballar operarios municipais.