Comeza o programa piloto de compostaxe do plan Revitaliza no CEIP Ramón de Valenzuela

Silleda, 16 de novembro de 2017.  Hoxe deu comezo no CEIP Ramón de Valenzuela o programa educativo da Deputación de Pontevedra Apúntate á Compostaxe, no marco do Plan Revitaliza, unha iniciativa que chegará tamén en vindeiras datas ao CEIP de Silleda.

A iniciativa iniciouse coas charlas coloquio dirixidas aos alumnos e alumnas de Primaria, baixo os lemas “A voltas coa compostaxe” e “O xogo da compostaxe”. A vindeira semana continuarase coa posta en marcha –o mércores 22-dos composteiros, unha actividade na que participarán os alumnos de 3º, 4º, 5º, e 6º de Primaria.

Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Silleda, que dirixe Klaus Brey, iniciase así o impulso da compostaxe no municipio, conscientes de que a xestión de residuos é un dos principais problemas ambientais.

Na posta en marcha do composteiro colabora tamén Sogama, que aportará dous composteiros que se sumarán ao aportado pola Deputación. O Concello de Silleda subministrará o estructurante e restos de poda.

Esta actuación ten por finalidade a realización de compost a partir da recuperación de materia orgánica que se separa no comedor escolar do centro, con cociña propia, no que xantan 130 persoas. Esta materia reutilizarase nos tres composteiros que se van instalar no recinto escolar. Alí mesturarase a materia organiza con estruturante (resto de podas e desbroces aportados polo Concello) que se convertirá nun fertilizante natural rico en nutriente e libre de produtos químicos.

Este compost aplicarase por parte co CEIP na creación de hortas propias para cultivar produtos coma tomates, leitugas, pementos… que se usarán na elaboración dos menús do colexio, pechando un ciclo vital.

“O CEIP da Bandeira onde hai varios anos xa se creou unha horta a través dun certame escolar, con produtos que tamén se entregaron ao programa Silleda Solidaria será o protagonista deste programa piloto de compostaxe que queremos trasladar de xeito progresivo”, indica o concelleiro Klaus Brey, agradecendo tamén á comunidade educativa da Bandeira o seu traballo, implicación e ilusión ante a iniciativa.

“Os máis novos, o noso futuro, son un eslabón clave nas accións medioambientais por iso este proxecto se presenta cunha dimensión tamén didáctica e estamos seguros de que será un éxito”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.

Tamén o vindeiro día 1 de decembro no CEIP Ramón de Valenzuela se levará a cabo outra sesión sobre compostaxe dirixida ao alumnado de Infantil.

 

Sesións no CEIP de Silleda

Esta iniciativa chegará tamén a Silleda con varias sesión informativas. Así, o vindeiro mércores celebrarse unha xornada de formación do profesorado e xa no mes de xaneiro terán lugar as destinadas ao alumnado do centro.

Co programa Revitaliza búscase concienciar  á comunidade educativa da problemática dos residuos e acadar tamén un cambio de actitudes e reponsabilidade na separación de residuos orgánicos, así como informar sobre a importancia da compostaxe.