Comeza o Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda coincidindo co inicio do curso escolar

Dende este mércores 11 de setembro atenderase a 45 menores de Educación Infantil e Primaria en horario extraescolar, de 15:00 a 21:00 horas

As actividades desenvolveranse nas dependencias do CEIP Plurilingüe de Silleda

Dende este mércores día 11 e coincidindo co inicio do curso escolar, o Concello de Silleda volve ofrecer o Servizo Lúdico Educativo cun total de 45 plazas cubertas.

Este servizo de conciliación familiar e laboral, que atende ao alumnado de Educación Infantil e Primaria fóra do horario lectivo, exténdese dende as 15:00 ata as 21:00 horas nas dependencias do CEIP Plurilingüe de Silleda.

Este servizo supón unha continuación do ofertado durante o verán cos campamentos nas instalacións dos centros educativos de Silleda e da Bandeira e que este ano acadaron un récord de participación. En total beneficiáronse máis dun centenar de familias do municipio.

Prórroga do servizo

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local vén de acordar unha segunda prórroga, dun ano de duración, á empresa concesionaria deste servizo, Coesco SLU.

O servizo lúdico educativo lévase a cabo durante todos os meses do ano, con campamentos tamén durante as vacacións de verán, Nadal e Semana Santa, facilitando a conciliación das familias do municipio.