Silleda, 1 de marzo de 2019. O Concello de Silleda conta dende hoxe con 11 novos operarios por un periodo de 10 meses, ata o 31 de decembro. Estas novas contratacións levaronse a cabo a través da Liña 3 do programa Plan Concellos, da Deputación de Pontevedra, organismo que vén financiando nos últimos anos esta iniciativa de contratación, no marco da loita contra o desemprego.
Logo da selección realizada cas persoas candidatas remitidas pola Oficina de Emprego do Servizo Galego de Colocación, e da celebración das probas nos últimos días, hoxe comezou a traballar o novo equipo formado por unha monitora de ocio e animadora sociocultural, 3 peóns varrendeiros, 4 de xardineiros; 2 peóns albaneis e un peón de limpeza de edificios públicos.
Estes foron os postos solicitados polo Concello de Silleda a través deste plan dentro da chamada liña 3. Este persoal, outorgado a todos os Concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, dedicarase no caso de Silleda ao desenvolvemento dun plan obras e servizos e tamén ao apoio –no caso do animador sociocultural- ao departamento de Cultura e xestión de iniciativas no marco dos intercambios europeos.
Estes contratos laborais serán a tempo completo, de 37,5 horas semanais.
Estas contratacións supoñen unha inversión de algo máis de 174 .000 euros, que se financiarán a través da citada liña do Plan Concellos.
“Un ano máis volvemos a contar con personal a través do Plan Concellos, unha medida que ademais de contribuir a creación de emprego no noso municipio tamén vén a mellorar a prestación de servizos aos nosos veciños”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.
Ademais das contratacións dende o Concello de Silleda estanse a levar a cabo distintas iniciativas relacionadas coa promoción do emprego como Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego , que xa axudou a prento dunha vintena de veciños e veciñas a poñer en marcha as súas iniciativas empresariais, con subvencións a fondo perdido.