Comezan as obras de mellora integral de varias pistas na parroquia de Manduas

Silleda,  16 de marzo de 2025.-O Concello de Silleda continúa arranxando a extensa rede viaria municipal cos fondos que lle corresponden do programa Máis Provincia da Deputación de Pontevedra. Así, este luns está previso iniciar os traballos de arranxo integral en varias pistas da parroquia de San Tirso de Manduas, incluídas no mesmo proxecto que a mellora integral de Refoxos, onde as actuacións están xa en marcha.

A empresa Taboada y Ramos, adxudicataria destas obras, iniciará este luns cos traballos de limpeza das cunetas a actuación prevista na localidade, onde se mellorará o vial que une os lugares de A Moa e Quintela e as vías adxacentes a este, con aglomerado en quente.

O proxecto, cun investimento de 350.000 euros inclue tamén as actuacións que se están levando a cabo en A Pallota, Xastres, O Outeiro, Cardesín, Lázara, A Calzada e O Couto, na parroquia de Refoxos, iniciadas a pasada semana e que están xa na fase de asfaltado dos camiños, cunha primeira capa de regularización.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández,,  destaca que “con este programa continuamos a liña de traballo dos últimos anos, aglomerando en quente os accesos principais e mellorando cunha dotación de maior durabilidade a nosa rede viaria”, e que se sumarán aos proxectos en marcha para a mellora integral da rede viaria noutras 10 parroquias cun investimento de máis de 1, 7 millóns de euros.