Silleda, 16 de maio de 2017. As obras de reforma do vaso da piscina municipal de Silleda están xa en marcha. A empresa Endedor, que resultou adxudicataria dos traballos inicio en días pasados os traballos nos que o Concello de Silleda inviste a cantidade de 48.896,40 euros.
O mes pasado o goberno silledense aprobou o proxecto desta obra para mellorar a instalación ao aire libre que data do ano 1987 e que viña acumulando deterioros que causaban incidencias aos usuarios.
Así no vaso da piscina principal víñanse producindo desprendementos do material cerámico usado nos acabados. Tamén na chamada zona de playa (andéns perimetrais) había baldosas movidas ou desniveladas que dificultaban o tránsito e ocasionaban caídas.
“Nos últimos anos viñéronse rexistrando incidencias que apremiaban realizar esta actuación”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que se teñen producido cortes nalgúns casos.
Con esta iniciativa, que xa estaba contemplada nos orzamentos municipais para este ano 2017 adecuarase esta instalación deportiva, moi utilizada durante o verán, tratando de subsanar as deficiencias existentes.
A concelleira de Deportes, Ana Luisa González, visitou hoxe os traballos que consistirán na substitución do revestimento interior do vaso da piscina, así coma no levantado e reposición dos andenes perimetrais. Así mesmo, xunto con estas melloras realizaranse tamén obras de adaptación da piscina o á normativa existente, rebaixando a profundidade do vaso (ata 1,80 metros). “Estas son as medidas que marca a normativa vixente neste tipo de instalacións públicas e polo tanto aproveitaremos a reforma para realizar esta adaptación”, engade a concelleira .
“Con esta actuación continuamos apostando pola mellora das instalacións deportivas para o uso e disfrute dos nosos veciños e veciñas”, apunta Ana Luisa González.