Silleda, 5 de xullo de 2017. Nestes días iniciaránse as obras de remodelación do campo de fútbol de Outeiriño, en Silleda, unha das inversións do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, incluída nos orzamentos municipais deste ano.
A empresa adxudicataria dos traballos, a firma Endenor, iniciará en breve a reposición do terreo de xogo, de herba artificial e instalado no ano 2006, e que acusaba un grave deterioro.
“Esta é unha das obras máis agardadas no ámbito das infraestruturas deportivas no noso municipio coa que se mellorará considerablemente as instalacións do Outeriño, que acollen a centos de usuarios”, indica o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, que hoxe visitou o campo xunto co arquitecto municipal, o técnico de Deportes e responsables da empresa adxudicataria para ultimar os detalles dos traballos.
Está previsto que as obras, que suporán unha inversión de 214.017 euros estén rematadas entre finais deste mes e principios de agosto, “co que as instalacións estarán remodeladas para o inicio da nova tempada”, engade.
Ademais de renovar toda a manta do terreo de xogo tamén se acometerán outras melloras no recinto.