Silleda. 15-4-24.- A concelleira de Educación, Ángela Troitiño, visitou esta mañá o CEIP Plurilingüe de Silleda, onde deron comezo os obradoiros de educación emocional que se van a desenvolver en todos os centros educativos do municipio.
Estas sesións serán impartidas pola psicóloga do Concello, adscrita ao departamento de Igualdade, e teñen como obxectivo principal proporcionar ferramentas ás alumnas e alumnos para poder xestionar de forma axeitada tanto as súas emocións como as das persoas cas que interactúan.
Despois do CEIP de Silleda, a vindeira semana estes obradoiros impartiránse no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira, tamén para os grupos de 5º e 6º.
A comezos de maio, as citas serán no CPR María Inmaculada (para os grupos de 5º 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO), así como nos dous primeiros cursos do IES Pintor Colmeiro.
“Dende o departamento de Educación apostamos por esta iniciativa ante a importancia que ten a educación emocional, e tamén a petición dos propios centros, poñendo en valor esta ferramenta que axuda a potencian as habilidades cognitivas e mellora a xestión emocional nas persoas maís novas para afrontar os desfíos diarios e mellorar o seu benestar “, engade Ángela Troitiño.