Silleda, 4 de novembro de 2013. As actividades postas en marcha pola Concellería de Participación Cidadá, que dirixe Pilar Peón, para o Clube do Centro Social dos Maiores, dentro do programa Silleda Activa, comezan esta semana.
Así hoxe celebrouse a primeira sesión do Obradoiro de Memoria na Casa da Xuventude de Silleda, e o xoves chegará ao Centro Social dos Maiores da Bandeira. Pilar Peón explica que o prazo de inscrición está ainda aberto e anima aos veciños e veciñas a participar no programa, que pretende diversificar a oferta para a terceira idade no municipio. Ademais todas as actividades son gratuitas agás ximnasia de mantemento, que se comezou a celebrarse os martes e xoves no centro de Silleda cun prezo de 15 euros ao mes.
O Obradoiro de Memoria terá lugar os luns en Silleda, na Casa de Xuventude de 11:30 a 12:30 e xoves no Centro dos Maiores da Bandeira, 11:00 a 12:00).
A oferta de Silleda Activa volve contar con unha das iniciativas máis existosas do pasado ano: o obradoiro sobre manexo de teléfonos móbiles, que se celebrará en decembro e xaneiro (os luns en Silleda, na Casa de Xuventude de 11:30 a 12:30 e os xoves na Bandeira, no Centro Social de Maiores de 11:00 a 12:00).
Tamén voltan as sesións de Arte Terapéutica, todos os mércores pola tarde de 17:00 a 19:00 no Centro Social de Maiores de Silleda.
O programa inclúe ademais un cursiño de pintura, que se impartirá os venres de 18.00 a 19.00 horas na Casa da Cultura de Silleda.
Entre as novidades deste ano figura a actividade Aprendo inglés, que se desenvolverá os mércores de 11.30 a 12.30 horas, e o Faladoiro de Actualidade, con sesións que terán lugar os venres de 11.30 a 12.30 na Casa da Xuventude de Silleda, e nas que se analizará cos participantes a actualidade informativa da semana, axudando a comprender e a interpretar as novas e acontecementos máis destacados.
Para anotarse as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 986 592037, 986 580064, ou ben anotarse directamente nos Centros Sociais dos Maiores de Silleda e da Bandeira.