En relación ao envío de material de primeira necesidade e produtos alimentarios á Comunitat Valenciá, dende o Concello de Silleda comunícase que no día de hoxe, martes 5 de novembro, partiu cara a zona afectada pola DANA, un camión cas aportacións recollidas nas últimas horas, xunto cos concellos de Lalín e de Rodeiro.
Seguindo a recomendación da Fegamp e doutras institucións de Valencia, supéndese ata novo aviso a recollida, recomendándose a todas as persoas que queiran colaborar facelo a través de aportacións económicas.
Dende o Concello de Silleda agradecemos toda a colaboración prestada, tanto pola veciñanza como polas empresas e entidades.
Así mesmo, destacamos a implicación do tecido asociativo que respondeu dunha forma masiva á convocatoria celebrada onte luns no salón de actos, e que tamén contou cos representantes de todos os grupos da Corporación.
Nesta xuntanza explicouse a situación nas iniciativas de axuda, e a disposición do Concello de Silleda para realizar, no caso de ser precisas, novas campañas de recollida, recomendando sempre centralizar actuacións a fin de facilitar despois a distribución do material.
Actividades solidarias
No encontro coas asociacións abordouse tamén a celebración de actividades cun carácter solidario en favor das vítimas da DANA, cuestión que se abordará nas vindeiras semanas nun novo encontro cos colectivos para perfilar actuacións xa máis concretas.