COMUNICADO DO CONCELLO EN RELACIÓN AO INCENDIO NUN EDIFICIO DA RUA VENEZUELA

 

En relación ao grave incendio que se produxo este mediodía no caso urbano de Silleda, no edificio situado á altura da rúa Venezuela no cruce ca rúa Trasdeza, o Concello de Silleda agradece en primeiro lugar o traballo das forzas e corpos de seguridade e de todas as persoas e personal municipal que colaboraron no operativo, ademais de poñerse a disposición das familias afectadas para todo aquelo que precisen, ofrecendo tamén aloxamento.

Afortunadamente, e pese á gravidade do incendio, non hai que lamentar danos personais, se ben os danos materiais se prevén cuantiosos

A rápida intervención dos efectivos  do Parque Intercomarcal de Bombeiros (incorporándose toda a plantilla, incluso os que non estaban hoxe de servizo) evitou que o lume continuara propagándose dentro do inmoble. Tamén se agradece a labor da Garda Civil, con axentes que axudados polos veciños e comerciantes da zona utilizaron extintores para evitar que se danaran os vehículos estacionados da zona (se ben o lume afectou a unha furgoneta que estaba aparcada preto do edificio).

Así mesmo se agradece a labor da  Policía Local e  do personal municipal que en primeira instancia regularon o tráfico nos cruces, xa que a rúa Trasdeza está en plena N-525, estrada que estivo varias horas cortada (desviándose o tráfico) por culpa deste incendio.

Á espera da pertinente investigación sobre este suceso, de momento só se sabe que o lume comezou, por causas que aínda se descoñecen, no solar contiguo o edificio que ao parecer foi limpado hai uns días. A virulencia das lapas comezou cando estas chegaron ao material aillante da fachada lateral do edificio.

Dende o Concello de Silleda, como vén sendo habitual dende hai xa uns anos, remítense requerimentos aos propietarios de solares para que estes se manteñan limpos e nas debidas condicións, outorgando os prazos que marca a Lei para a limpeza dos mesmos.

Hai xa varias semanas que dende o Concello se remitiu a última notificación á familia propietaria deste solar en concreto, que tamén posue varias parcelas máis no casco urbano de Silleda.

Dende o Concello agárdase que a investigación poida esclarecer canto antes as causas deste terrible incendio para dirimir as oportunas responsabilidades.

O alcalde, Manuel Cuiña, acompañado polos concelleiros Angela Troitiño e Antonio Ferro, achegouse ata o lugar dos feitos nada máis ter coñecemento deste sinistro.