Silleda, 18 de xaneiro de 2018. Hoxe quedou constituída en Silleda a Fundación do Campo Galego, unha entidade de ámbito autonómico sen ánimo de lucro e que ten entre os seus fins a dignificación do agro en Galicia, o fomento deste ámbito como unha ocpicón de traballo, ou a constitución e desenvolvemento dun museo sobre o campo e a menización agraria. A fundación conta cun capital social de 140.000 euros, dos que 110.000 son aportados pola Fundación Jorge Jove, 15.000 euros por parte de Abanca e outros 15.000 euros do Concello de Silleda.
Os estatutos recollen que entre as actividades previstas pola Fundación do Campo Galego, que terá a súa sede no recinto Feira Internacional Abanca de Silleda, figuran ademais da xestión do futuro Museo do Campo a posta en marcha de iniciativas como un viveiro de agricultores, a convocatoria de premios e bolsas de estudo e invstigación, ou a organización e promoción de cursos, así como actividades de divulgación, entre outras moitas.
Entre os patronos fundadores figuran a Fundación Jorge Jove e Abanca. Tamén formarán parte do padroado o Concello de Silleda, Manuel Iglesias Pérez, como presidente; José Ramón Iglesias Canda (secretario); a Asociación Galega de Maquinaria Agrícola Clásica (Agamac), Ángel Jove González e Luis Seoane.
“É de xustiza que Silleda, que por moitas razóns é unha localidade clave para o sector agrogandeiro galego, acolla a sede desta fundación que ten por diante retos e actividades moi ilusionantes”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que considera “moi beneficioso para o noso municipio e para Galicia a creación desta entidade que fomentará o desenvolvemento de actividades culturais e sociais relacionadas co noso agro e coa historia da súa mecanización”, engade.