Silleda, 11 de agosto de 2016. Logo da firma dun convenio co Bispado de Lugo para o arranxo da capela de San Sebastián, situada no alto do mesmo nome, na parroquia de Moalde, o Concello de Silleda adxudicou os traballos á empresa Construcciones Míguez Xestoso, S.L., que xa comezou a rehabilitación da mesma.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, achegouse a visitar as obras, consistentes na substitución da cuberta e a recuperación das fachadas e do interior, retirando o morteiro aplicado e encintando de novo a pedra.
O orzamento total do proxecto ascende a pouco máis de 23.000 euros, ive incluído. Para sufragar dito custe, o Bispado de Lugo aportará a cantidade de 4.000 euros, sendo o Concello de Silleda o que complemente o resto da cantidade.
A capela está situada no cumio do Alto de Xindiríz, a preto de 700 metros de altitude, nun entorno con grandes vistas sobre os vales que o rodean. Dedicada a San Sebastián, ten planta rectangular e conta cun soportal de acceso na entrada principal. As obras, que evolucionan a bo ritmo, estímase que estarán rematadas antes do 24 de agosto, día no que se celebra a romaría popular na capela.
“Con esta iniciativa pretendese conservar a tipoloxía orixinal da construción, ademais de dar resposta a unha vella demanda veciñal, recuperando unha capela con unha grande tradición, situada nun enclave cun grande valor paisaxístico”, indica Cuíña.
O goberno municipal non descarta acometer no futuro outras actuacións na zona, coma a construción dun miradoiro, para poder aproveitar as grandes vistas sobre os vales lindeiros.