-
O acordo permitirá que os estudantes teñan un primeiro contacto co mundo laboral antes de rematar a etapa universitaria
O Concello de Silleda vén de asinar un convenio coa Universidade de Vigo para a realización de prácticas académicas na entidade municipal co obxectivo de facilitar a preparación para o exercicio profesional do estudantado universitario e a súa futura inserción laboral.
Tal e como se reflicte no acordo, o Concello de Silleda acollerá estudantes silledenses da Universidade de Vigo para realizar prácticas académicas externas. Estas prácticas terán unha duración que dependerá do proxecto formativo obxecto da práctica do alumnado. “Esta colaboración Concello-Universidade vai a permitir que mozas e mozas silledenses teñan un espazo onde dar os seus primeiros pasos laborais antes de lanzarse á súa carreira profesional “ dixo a alcaldesa, Paula Fernández.
Para mellorar esta experiencia e que o alumnado saque o maior rédito posible desta formación durante o período de prácticas, a Universidade de Vigo designará un titor académico para cada estudante, ao tempo que o Concello de Silleda tutelará aos participantes cunha persoa con experiencia profesional e cos coñecementos necesarios.
O acordo recolle así mesmo que, respectando o carácter formativo das prácticas académicas externas, non existirá ningunha obriga laboral futura co alumnado, nin poderán substituír a traballadores municipais nas súas tarefas.
O Concello xa acolle a estudantes de Silleda de ciclos de formación profesional en prácticas, polo que este convenio permitirá ampliar o abano de persoas estudantes que poden optar a estas prácticas. “Estamos a dárlle unha oportunidade nova á mocidade silledense, o que supón un salto tanto cuantitativo como cualititivo para que este concello sexa un referente de lanzadeira cara ao seu futuro”, rematou a alcaldesa.