Silleda, 6 de novembro de 2013. O goberno municipal de Silleda convocou para o vindeiro venres, ás 10.00 horas, unha Comisión Especial de contas e Informativa de Economía, Facenda, Réxime Interior, Urbanismo, Medio Ambiente, e Medio Rural. O único punto na orde do día é a aprobación inicial da ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo.
Logo desta comisión informativa, convocarase para a vindeira semana un pleno extraordinario no que esta nova ordenanza será o tema único na orde do día. A ordenanza entraría en vigor a partir do vindeiro ano 2014.
17 anos sen actualizar e plan de axuste
Dende o goberno municipal advírtese que a taxa, de 30,05 euros para vivendas, leva sen actualizar dende o ano 1996, hai 17 anos, mentres noutros concellos limítrofes se rexistraron incrementos. A suba da taxa do lixo era ademais unha das cuestións recollidas no Plan de Axuste aprobado en marzo de 2012. O servizo, a día de hoxe é totalmente deficitario para as arcas municipais. Así, o custe anual supera os 300.000 euros, mentras que só se recaudan uns 145.000 euros.