A Concellería de Educación, que dirixe Pilar Peón, vén de convocar a terceira edición do Concurso de Cómic da Biblioteca Municipal Daniel Castelao. A temática será a AUGA. Velahí as bases do certame:
CONVOCATORIA DO CONCELLO DE SILLEDA PARA A CONCESIÓN DE PREMIOS DO III CONCURSO DE CÓMIC BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DANIEL CASTELAO
A presente convocatoria ten por obxecto a concesión de premios do III Concurso de Cómic da Biblioteca pública municipal Daniel Castelao do Concello de Silleda, co tema “A AUGA”
Con dotación económica para premios, con cargo á aplicación orzamentaria 326-48 do orzamento municipal vixente.
Esta convocatoria rexerase polas Bases que estarán a disposición dos interesados na Casa do Concello de Silleda, na Biblioteca pública municipal Daniel Castelao e na web municipal.
BASES PARA A CONCESIÓN DE PREMIOS DO III CONCURSO DE CÓMIC BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL DANIEL CASTELAO, DO CONCELLO DE SILLEDA.
Primeira: Obxecto
A presente convocatoria ten por obxecto a concesión de premios polo deseño de cómics, que traballen a temática de, “A AUGA”
Segunda: Participantes
Poderán participar de xeito individual ou por grupos, cun máximo de 3 persoas, o alumnado dos centros de ensino do Concello de Silleda de educación primaria e secundaria (ESO)
Terceira: Formato
A obra será orixinal, en branco e negro ou en cor realizada con técnica libre e en lingua galega.
O formato será único, DIN A-3, dobrado pola metade para obter 4 páxinas.
Os traballos presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Silleda nun sobre pechado, que irá acompañado da folla de inscrición, onde aparecerá:
- Título do traballo
- Nome dos/das autores/as
- Curso ao que pertencen
- Nome do centro de ensino
Os traballos que non cumpran con estes requisitos non poderán participar no concurso.
Cada individuo ou grupo só poderá presentar un único traballo
Cuarta: Prazo
O prazo de presentación dos traballos comeza o día seguinte á publicación destas bases na páxina web do Concello de Silleda e rematará o 20 de abril de 2018.
O lugar de presentación será o Rexistro Xeral do Concello de Silleda, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00h
A concesión dos premios notificaráselles aos beneficiario e publicarase na páxina web do Concello de Silleda e nos medios de comunicación locais.
Entenderase que o/a beneficiario/a acepta o premio se no prazo de 10 días, a contar dende o día seguinte ao da recepción da notificación, non se manifesta en sentido contrario.
Quinta: Exposición
Farase unha exposición, con todas as obras participantes, na Casa da Cultura de Silleda e igualmente subiranse ás redes sociais do Concello e a páxina web.
Ao finalizar a exposición devolveranse os orixinais, excepto os premiados que quedarán en poder da Biblioteca Pública Municipal de Silleda e poderán ser editados.
Sexta: Premios
Os premios en metálico serán destinados como achega para as excursións de fin de ciclo, enténdese 6º de primaria e 4º da ESO, dos centros de ensino. Si nin os centros educativos nin as ANPAS organizasen as anteditas viaxes destinarán o premio ás actividades que estimen.
Os demais premios serán para cada un dos gañadores.
Categoría: educación primaria
- Mellor cómic, 150€ e uns auriculares e un altofalante inalámbricos para cada un dos/as gañadores/as
- Mellor argumento, 75€, e un lote de material escolar para cada un dos/as gañadores/as
- Mellor ilustración, 75€ e un lote de cómics para cada un dos/as gañadores/as
Categoría: educación secundaria obrigatoria (ESO)
- Mellor cómic, 150€ e uns auriculares e un altofalante inalámbricos para cada un dos/as gañadores/as
- Mellor argumento, 75€, e un lote de material escolar para cada un dos/as gañadores/as
- Mellor ilustración, 75€ e un lote de cómics para cada un dos/as gañadores/as
Sétima: Xurado
O xurado que enviará a súa proposta de concesión de premios á Xunta de Goberno Local sendo este o órgano competente para a súa concesión, será nomeado pola concelleira de Educación, e estará composto por persoas vencelladas á Biblioteca, ao mundo da cultura local, e por un/ha técnico/a da Concellería.
A decisión do xurado darase a coñecer antes do día 18 de maio de 2018
Oitava: Obrigas dos/das beneficiarios/as dos premios.
A participación neste concurso supón a plena aceptación das presentes bases.
Novena: Outras disposicións
Calquera feito non previsto nestas bases, ou dúbida sobre a interpretación das mesmas resolverase a criterio da Concellería de Educación do Concello de Silleda, ou se procede, do xurado