Silleda, 3 de maio de 2017. A Corporación Municipal de Silleda celebrará o vindeiro luns día 8 un Pleno Extraordinaro para a organización da consulta popular sobre o cambio de ubicación do consistorio fixado para o vindeiro domingo 4 de xuño.
O alcalde, Manuel Cuiña, lembra que está convocatoria axústase ao decreto da Xunta que recolle a convocatoria, publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado venres 28. Nas disposicións que autorizan a celebración desta consulta popular, logo da súa aprobación o pasado mes de marzo por parte do Consello de Ministros, establécese que a consulta rexerase por distintas normativas relacionadas co réxime electoral xeral.
Na orde do día, cun punto único figura a proposta da alcaldía coa pregunta que se someterá a votación por parte dos veciños e veciñas, e cuestións relacionadas coa organización da consulta (sobre a composición das mesas, período de propaganda electoral, disposicións de espazos públicos para propaganda e actos electorais ou a organización do escrutinio). Os datos serán remitidos ademais á Xunta Electoral de Zona. “Trátase de organizar esta cita coas urnas seguindo a normativa que nos marcan as Administracións superiores, como uns comicios máis”, indica o alcalde.
Tal e como xa se ven explicando dende o goberno municipal a consulta pretende implicar aos veciños e veciñas na decisión de cambiar ou non a ubicación da actual Casa Consistorial. A proposta é centralizar todos os servizos municipais, repartidos agora en tres dependencias na actual Casa da Cultura, na rúa Progreso.