Silleda, 20 de xuño de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, mantivo esta mañá en Pontevedra un encontro co presidente da Deputación, Rafael Louzán, e co vicepresidente, Xosé Crespo, no que se abordaron distintas cuestión pendentes para o municipio.
Cuiña, que definiu a reunión como “moi cordial e positiva, dando conta das boas relación entre ambas institucións”, explica que abordou cos dous responsables do organismo provincial “diversos temas e obras pendentes que quedaron por fin pechados”.
Así, o alcalde acadou o compromiso de Louzán para comezar “de xeito inmediato” dúas das obras pendentes: a mellora integral da estrada Piñeiro-Cira e a dotación de herba sintética no campo de fútbol da Gandareira, en Bandeira. “Son dúas actuacións que beneficiarán a moitos dos nosos veciños e veciñas”, indica Cuíña, explicando que se acordou que xa na vindeira semana se acheguen ata Silleda técnicos do organismo provincial para comezar a traballar nestes dous importantes proxectos. Así mesmo, durante o encontro con Louzán e Crespo, tamén se abordaron actuacións coma a mellora do acceso a Toiriz, entre outros.
Cuíña reitera que o encontro foi “moi fructífero” e agradece a dilixencia coa que os responsables da Deputación se comprometeron a actuar para mellorar os servizos e infraestruturas do municipio silledense.
Recollida de lixo
Por outra banda, o alcalde explica que o vindeiro luns se aprobará en Xunta de Goberno Local (a sesión prevista para hoxe aprazouse precisamente por este encontró en Pontevedra) a adxudicación do servizo de recollida de lixo. “Aínda así, e pese a que se sacará a concurso, dende o goberno municipal non descartamos sumarnos ao servizo de recollida da Deputación dende o primeiro día que comece a funcionar”, indica o alcalde.
En días pasado, cando o rexedor anunciou a licitación do servizo xa explicara que non se descartara integrarse no consorcio provincial de recollida de lixo. “É unha opción que este executivo tivo en conta seriamente dende que se plantexou”, di e lembra que precisamente “o convenio para a recollida provincial foi mellorado con aportacións feitas dende o Concello de Silleda”, engade.
Neste senso, lémbralle ao voceiro do PP de Silleda “que debe de informarse mellor antes de sair nos medios dicindo que este goberno rexeita aforrarlle cartos ás arcas municipais coa xestión da recollida do lixo”.
Así, explica que “a diferencia da actitude do PP, que debería de saber que este goberno nunca rexeitou de pleno a entrada no servizo provincial, nós tratamos de buscar solucións e negociar sempre en aras do interese xeral”.
Cuíña sinala que precisamente no marco desas negociacións acordouse que a Diputación asumirá o 90% do déficit do servizo , que nestes momentos en Silleda, se sitúa nuns 77.000 euros ao ano.
O rexedor reitera que o servizo sairá a concurso igual, “pero tendo moi en conta o inicio do servizo provincial”, engade.
Esta decisión adoptarase na Xunta de Goberno Local do vindeiro luns, unha sesión na que se aprobarán outros temas de calado coma a xestión das dúas estacións depuradoras do municipio.
“Estamos sacando adiante temas importantes para Silleda que levamos moito tempo agardando”, sinala.