Silleda, 14 de decembro de 2017. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, visitou hoxe a Rede de Calor con biomasa instalada no parque da Milagrosa, en Lugo, para coñecer de primeira man un sistema que se trasladará o vindeiro ano a Silleda, cunha dotación que alimentará a distintos edificios e equipamentos da vila silledense.
Cuiña, que acudiu á visita con Ricardo González, autor do proxecto da rede de calor que se instalará en Silleda, destacou “que a visita foi moi productiva e á vista dos resultados estamos convencidos que o proxecto silledense resultará moi beneficioso e suporá un antes e un despois tanto no aforro de combustible coma noutros aspectos, caso da sustentabilidade a nivel forestal”, comenta Cuiña.
A rede de Lugo, -cunha inversión de 874.000 euros- inaugurada o pasado mes de novembro, subministra calor a oito edificios (Casa das Asociacións, Casa Clara Campoamor, Pavillón Luis Gorgoso, Club de Tenis, Museo Interactivo da Historia de Lugo biblioteca e o Auditorio Gustavo Freire).
Segundo estimacións do Concello de Lugo o sistema permite un aforro anual do 57% no consumo de combustible, o que se traducen ademais nunha reducción de 83.000 euros ao ano na factura de consumo.
No caso da rede silledense, que será a primeira destas características a nivel provincial, a inversión será de 816.587 euros, financiando o 80% o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), a través da liña de axudas para redes de distribución de enerxía térmica con equipos de xeración de biomasa.
Con esta inciativa crearase unha rede de calor "District Heating", alimentada con biomasa (en concreto astilla) no entorno da zona deportiva da vila de Silleda, coa que subministrar calefacción e auga quente sanitaria a varios edificios conectados mediante tuberías preaisladas.
Na primeira fase incluiranse o pavillón polideportivo César Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a piscina municipal, a Escola Infantil A Galiña Azul, o Centro de Día- Residencia e tamén o Hotel Vía Argentum.
O proxecto silledense conta ademais coa particularidade de ter entre os seus obxectivos a creación dun ciclo que permita ademais aproveitar a biomasa dos montes de titularidade municipal.