-390 alumnos dos tres centros educativos do concello asistirán este venres á obra “Roedores” no Auditorio da Semana Verde
Silleda, 17 de marzo de 2016. Dentro das actividades conmemorativas do Día da Muller, o Concello de Silleda dende a Concellería de Igualdade e a compañía Redrum Teatro presentan o espectáculo “Roedores”, unha comedia que trata de concienciar ós nenos en valores de fomento da igualdade.
A cita terá lugar éste próximo venres, día 18 ás 11.00h. no Auditorio da Semana Verde de Silleda, e a ela asistirán 390 nenos e nenas dos tres colexios de primaria de Silleda.
Trátase dunha comedia familiar con música en directo que trata o tema das desigualdades de xénero, de clase social, de oportunidades, e de dereitos, a través das aventuras dos seus protagonistas, Peludiño e Munda, un hámster doméstico e unha rata de cloaca.
“Roedores” propón aos nenos e nenas un espectáculo para que entendan, mentres se entreteñen, conceptos coma a corresponsabilidade doméstica, a discriminación de xénero, estereotipos ou a linguaxe sexista. Detrás da obra tamén figuran valores coma o aprecio polo traballo en equipo, a amizade, ou a aceptación dun mesmo e dos demais.
A dirección desta obra vai ó cargo de Álex Sampayo, director coñecido polo seu traballo no sector audiovisual, no que dirixiu series coma “El Internado”, ou “Padre Casares”, e está protagonizada polos xoves actores Guillermo Carbajo e Laura Míguez, coa colaboración especial de Carlos Álvarez-Ossorio.
Este espectáculo foi nominado nos pasados premios de teatro María Casares nas categorías de Mellor Espectáculo Infantil e Mellor Actriz Protagonista.