Silleda, 5 de decembro de 2014. As obras para dotar de cuberta as dúas pistas municipais de pádel, situadas no recinto de O Castro, están xa en marcha dende hai varias semanas . A empresa Míguez Xestoso é a adxudicataria dos traballos, que suporán unha inversión de 49.449 euros. Este proxecto concorreu á convocatoria de axudas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a execución de infraestruturas de uso público, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
O importe da subvención concedida ascende a 37.499,72 euros, que corresponde ao 75% do custe total, financiándose a cantidade restante con fondos municipais.
“Con esta actuación melloramos considerablemente estas instalacións deportivas que veñen usando numerosas persoas, e que unha vez que conten coa cuberta poderán utilizarse durante máis xornadas, xa que ata o de agora as condicións climatolóxicas limitaban o usos destas canchas”, explica o alcalde, Manuel Cuíña.
O rexedor matiza que se trata de unha subvención que se ten que destinar específicamente a estas obras, “xa que non se trata de unha axuda de libre disposición”, aclara.
Con esta actuación, as pistas para a práctica de pádel en O Castro contarán nas próximas semanas con unha estructura de cobertura, que permitirá un maior aproveitamento destas instalacións, situadas a un kilómetro escaso do casco urbán de Silleda.
A estrutura, que xa se pode apreciar coas obras realizadas ata agora, abarca unha superficie de 900 metros cadrados, que con esta actuación serían utilizables prácticamente durante todo o ano, co consecuente beneficio para os usuarios que se achegan ata estas instalacións.
A edificación consiste nun sistema estrutural portante básico que sosterá con seguridade a lámina que actuará como teito das pistas. Os pilares están xa colocados para completarse con unha estrutura metálica a base de perfilería laminada que permita a creación de pórticos para cubrir toda a superficie das dúas canchas. Tamén se realizará un sistema de saneamento e evacuación de pluviais.
“Estas instalacións están a ser moi utilizadas, non só polos veciños e veciñas de Silleda senon tamén polos de outros municipios cercanos que se achegan ata as pistas de O Castro a prácticar deporte. Dende o Concello de Silleda, co ánimo de seguir avanzando na mellora das nosas infraestruturas públicas, e neste caso nas deportivas, apostamos por este proxecto para fomentar a práctica deportiva e mellorar o rendemento destas canchas, que ata o de agora só se podía usar durante apenas uns meses do ano polas inclemencias meteorolóxicas”, explica o alcalde, reiterando que a axuda recibida por parte da Xunta é específica para estes traballos.