En marcha as obras de remodelación integral do pavillón polideportivo da Bandeira

Silleda, 8 de xaneiro de 2026. O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de remodelación integral do pavillón polideportivo municipal da Bandeira, unha actuación adxudicada á empresa Urbanismo Técnico Sostible por un importe de 111.199 euros.

Os traballos comezaron coa demolición interior dos antigos vestiarios, un espazo actualmente en desuso que se transformará nunha sala polivalente destinada á realización de actividades como ioga, pilates ou baile. A partir desta primeira fase, as actuacións continuarán progresivamente co resto das melloras previstas no proxecto, entre elas a substitución integral do pavimento da cancha deportiva, a renovación da iluminación e do mobiliario, así como distintas actuacións de mantemento e acondicionamento do recinto.

Desde o Concello xa se levou a cabo unha coordinación previa co CEIP Ramón de Valenzuela, que utiliza a diario esta instalación municipal, así como cos distintos colectivos usuarios do pavillón, como a ANPA Brincadeira ou a SD Bandeira, co obxectivo de interferir o menos posible no desenvolvemento das actividades educativas e deportivas habituais.

O proxecto contempla a renovación completa da cancha deportiva, coa instalación dun novo pavimento vinílico antiescorregadizo e polivalente, adaptado aos estándares actuais de calidade, que permitirá a práctica de distintas modalidades deportivas como baloncesto, fútbol sala ou patinaxe. Tamén se inclúe a substitución das bancadas, o pintado do cerramento lateral, a renovación da iluminación con sistemas de baixo consumo e a reparación e repintado de paramentos e elementos metálicos.

Ademais, acometeranse traballos complementarios de mantemento, como a revisión da cuberta, a substitución dos canalóns e a execución dunha nova soleira de formigón pulido no acceso principal, mellorando así a accesibilidade ao recinto.

A alcaldesa, Paula Fernández, sinala que “seguimos apostando pola mellora das infraestruturas deportivas municipais, especialmente nunha instalación moi utilizada tanto a nivel educativo como deportivo, e que é un espazo clave para a actividade diaria da Bandeira”.

As obras están financiadas con cargo ao II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, dando continuidade ás melloras xa realizadas nos últimos anos neste pavillón, como a creación de novos aseos e vestiarios accesibles.