Silleda, 20 de xaneiro de 2017-. O Concello de Silleda iniciou hoxe os traballos de reposición do alumeado nos tramos das rúas Chousa Grande e Esmorga, na vila da Bandeira. Estas dúas rúas estaban sen servizo de alumeado, logo de que no ano 2013 os ladróns sustraeran todo o cable. Operarios municipais continuarán ao longo dos vindeiro días os traballos para colocar preto de 1.000 metros de cableado en Chousa Grande, tarefas necesarias para o funcionamento das luminarias.
Esta circunstancia afectaba tamén á rúa Esmorga, adxacente a este tramo. Os danos valoráronse daquela en máis de 6.000 euros. Dende o Concello de Silleda, o alcalde, Manuel Cuiña, lembra que ademais do roubo do cable o retraso do alumeado nesta zona tamén veu motivado polos problemas existentes no seu día con Hidroeléctrica, á que houbo que pagar 15.000 euros por novas altas. “Xusto despois de abonar esa débeda, o inoportuno roubo do cable frenou daquela a dotación do alumeado nesta zona da Bandeira”, indica Cuiña.
Agora, e continuando coas tarefas de mellora no alumeado público e no marco do plan de aforro enerxético posto en marcha polo goberno municipal, estas dúas rúas da Bandeira “por fin contarán con alumeado”, engade o rexedor.