– A renovación desta instalación deportiva de Silleda púxose en marcha esta semana. Despois pasarase ao campo de fútbol de Outeiriño-Joselu Mato
– Dende o Concello de Silleda houbo unha coordinación co colexio de Silleda, clubes e escolas deportivas municipais para que as obras afectasen o menos posible ás actividades diarias que se realizan nestes espazos
Silleda, 8 de novembro de 2023. Esta mañá o alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Deporte, Mónica González, visitaron o pavillón municipal César G. Fares no cal se están levando a cabo as obras que renovarán por completo os vestiarios e aseos. Despois pasarase a reformar tanto os baños coma os vestiarios que hai no campo de fútbol de Outeiriño-Joselu Mato.
Ademais, o Concello de Silleda coordinouse co CEIP de Silleda, clubes e escolas deportivas municipais para que as obras interrompan o menos posible a realización das actividades diarias que se practican nas dúas instalacións.
Cun investimento de 102.729 euros, a empresa adxudicataria foi Urbanismo Técnico Sostible SL. Trátase dun proxecto que se executa con cargo a fondos municipais e unha axuda de 50.000 euros, ao abeiro das subvencións da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal. Dita achega realizarase en dúas anualidades: 29.410 euros para o 2023 e 20.590 euros para o 2024.
Esta actuación complementa o acondicionamento que o Concello de Silleda leva facendo nos últimos anos no complexo deportivo formado pola Piscina municipal de Silleda, o Campo de Fútbol de Outeiriño e o Pavillón Municipal César González Fares.
O ano pasado cambiouse o alumado do campo de fútbol, onde tamén se colocaron redes novas e se pintaron os muros exteriores. No 2021, renováronse os vestiarios compartidos entre o campo de fútbol e a piscina, ao igual que no pavillón se apostou polas luces led e se cambiaron as cubertas laterais.
As dúas instalacións están conectadas ademais á Rede de Calor con Biomasa, que suministra nos dous casos auga quente sanitaria, conquerindo un maior aforro de custes.