-Realízanse a través da subvención da Deputación de Pontevedra para a Sinalización do patrimonio histórico, confirmada o pasado mes de decembro. O terreo xa foi limpado nos últimos días pola entidade adxudicataria, A Citania
Silleda, 17 de maio de 2021. O Concello de Silleda continúa apostando pola sinalización e posta en valor do seu amplo patrimonio arqueolóxico. Así, e novamente a través da liña de axudas da Deputación de Pontevedra para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico-Cultural, estánse a desenvolver actuacións que teñen como protagonista a Mámoa da Chousa Nova-1, sita en Campomarzo , na parroquia de Abades.
O túmulo foi escavado, desmontado e posteriormente remontado no seu lugar orixinal entre os anos 2007 e 2010, durante as obras de construcción da liña do Tren de Alta Velocidade (TAV) Ourense-Santiago.
Para continuar ca súa posta en valor, acometese este proxecto que inclue limpeza, sinaléctica e reparación do peche de madeira que rodea o recinto e que se atopa danado nalgún punto.
Nos últimos días a entidade adxudicataria dos traballos, A Citania Arqueoloxía, xa procedeu á limpeza manual do entorno da mámoa, e nas vindeiras semanas procederase á reposición do peche perimetral de madeira nos puntos onde está danado e á colocación de sinais direccionais dende a localidade da Bandeira.
En canto á sinalización, colocaráse tamén un novo panel explicativo, que incluirá textos e códigos QR redactados e supervisados por un arqueológo/a, na área de protección deste elemento, complementando aos xa existentes, colocados no seu día cando se puxo en valor o xacemento.
Tamén se colocarán paneis indicativos direccionais para chegar ata o lugar, na Bandeira e no cruce de Campomarzo e Bazar.
Os traballos realízanse baixo un control arqueolóxico tanto no caso da limpeza do terreo coma os desterres para a colocación dos soportes.
O custe total do proxecto, financiado pola Deputación de Pontevedra para a posta en valor deste patrimonio, é de 5.500 euros.
Logo da confirmación da axuda da Deputación de Pontevedra o pasado mes de decembro, dende o Concello iniciáronse os trámites pertinentes ante o organismos como o ADIF, propietario dos terreos, e a Dirección Xeral de Patrimonio, que autorizou os traballos en días pasados.
“Con esta iniciativa queremos continuar poñendo en valor o legado arqueolóxico de Silleda, de gran valor, logo de mellorar a sinalización dos petroglifos e outros xacementos da zona sur do municipio nos últimos anos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Durante os traballos de excavación do túmulo,que os expertos sitúan entre o ano 4340 e o 4260 a.C., converténdoa nunha das cámaras megalíticas máis antigas das datadas ata o momento en Galicia, atopáronse pezas de gran valor. Así, no interior da cámara atopouse un colar de doas de ámbar e variscita, que dá conta da existencia do intercambio comercial nesta época prehistórica.
A peza foi a máis antiga das recollidas na mostra “Galicia, un relato no mundo”, que estivo o pasado ano no Gaiás.