Silleda, 15 de abril de 2016. O Alcalde de Silleda, xunto co cura párroco José Pérez, e as concelleiras Ana Luisa González, e Pili Peón, acudiron na tardiña de onte a unha reunión cos veciños e veciñas de Moalde para tratar varios temas de interese para a parroquia, entre eles a posibilidade de rehabilitar a ermida de San Sebastián, unha das demandas máis reclamadas polos veciños, aos que onte se lles expuxo o proxecto.
O plan de rehabilitación da capela consiste na substitución da cuberta de formigón armado por cubertas de estrutura de madeira, sobre as que se colocará tella cerámica curva como remate exterior, colocando unha lámina impermeable e transpirable entre o armazón de madeira e a tella para evitar o deterioro. Tamén se procederá á retirada do morteiro aplicado nas fachadas e no interior, recuperando así a pedra, que se limpará e se encintará de novo.
Para a realización desta obra estase a traballar na posibilidade de firmar un convenio de colaboración entre o Bispado de Lugo, propietario da capela, e o Concello de Silleda, no cal ambas partes fagan aportacións para poder levar a cabo o proxecto.
A intención é chegar a un acordo o antes posible para que así as obras estean finalizadas antes de agosto, mes en que se celebra a Festa do San Sebastián.
Arranxo de pistas e limpeza de escombros
Outros dos problemas que os veciños de Moalde lle expuxeron ó alcalde no día de onte foi o mal estado das pistas da parroquia que, debido ás chuvias caídas este inverno, presentan gran cantidade de baches, o que complica o tránsito por elas.
O rexedor comprometeuse en arranxalas tan pronto como o permitan as condicións meteorolóxicas, así como tamén á limpeza dun vertedoiro aparecido nunha pista de subida o monte San Sebastián.