Silleda, 21 de xuño de 2016. Esta mañá tivo lugar a entrega de premios do I Concurso de Cómic “Biblioteca Pública Municipal Daniel Castelao”, organizado pola Concellería de Educación do Concello de Silleda.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e a concelleira de Educación, Pili Peón, repartiron os premios aos galardonados, quedando distribuídos da seguinte maneira:
Na categoría de Educación Infantil, o premio foi para “As viaxes de Ambrosio por terras de Silleda”, de alumnos do CEIP de Silleda, que foi dotado con 100 euros e entradas para o aquapark de Cerceda para todos os membros do grupo.
Dentro da categoría de Educación Primaria, distinguíronse tres apartados:
– Ao mellor cómic, con 100 euros e entradas para o aquapark de Cerceda para “A lenda de Penadauga” dun grupo de alumnos de 6º do CEIP de Silleda.
– Ao mellor guión, premio que foi para “A conta atrás” de alumnos de 6º do CEIP Ramón de Valenzuela de A Bandeira, dotado cun premio de 50 euros e un lote de material escolar para cada membro do grupo.
– Á mellor ilustración, para “A mellor tortilla”, dun grupo de 5ºA do CEIP de Silleda, premiada con outros 50 euros e un lote de cómics para cada membro.
Xa dentro da categoría de Educación Secundaria Obrigatoria, distinguíronse tres gañadores segundo outras tantas categorías:
– Ao mellor cómic, con 100 euros e entradas para o aquapark de Cerceda para “A Ponte do Demo”, de alumnos de 1º de ESO, e con número de rexistro 1385.
– Con 50 euros e un lote de material escolar para cada membro do grupo cualificouse ao mellor guión do traballo titulado “Usa a boca só para que entre o viño”, de 3º da ESO.
– E para a mellor ilustración elixiuse a “A Ponte do Demo”, dun grupo de 1º da ESO, con numero de rexistro 1384, e que foi agraciado con 50 euros e un lote de cómics para cada membro.
Dende hoxe tamén quedou aberta unha exposición con todas as obras participantes na Biblioteca de Silleda, que se manterá ao longo dun mes.