Silleda, 14 de decembro de 2019. A Banda de Música Municipal de Silleda celebrará o vindeiro sábado 28 a que é xa a vixésima edición do Festival de Nadal con “Eurosinfónico”, un tributo ao afamado festival de cancións.
A Banda de Música Municipal de Silleda, baixo a dirección de Rafael Agulló, estará acompañada polas voces de Carlos Cabrelles, Aisha Bordas, Laia Benaches e Ángel Bellido nun espectáculo que contará tamén coa participación do coro da Escola e do grupo Máis que Danza.
O espectáculo foi presentado hoxe na Escola de Música Municipal onde a partir do luns (en horario de 19:00 a 21:00 horas) xa se poden mercar as entradas. Haberá dous pases para ver este espectáculo no auditorio da Semana Verde, ás 19:00 e ás 21:00 horas. O prezo das entradas, que se destinarán a sufragar os gastos do espectáculo, é de 10 euros e de 7 euros para os socios/as da banda.
Cun orixinal cartel diseñado por Sonia Troitiño -integrante da banda-, no que os cantantes de Eurosinfónico comparten protagonismo con dous lugares emblemáticos do municipio-o mosteiro de Carboeiro e a Fervenza do Toxa-, a Banda de Música Municipal de Silleda busca marcar outro fito co seu certame de Nadal, unha das citas máis agardadas e concorridas da programación da entidade.
Música, coreografías e imaxes (que se proxectarán nunha gran pantalla LED), fundiránse neste espectáculo que repasara -con todo detalle- algunhas das actuacións máis emblemáticas do festival, que se retransmite dende o ano 1956.
Temas como Waterloo, de Abba; Yo soy aquel, de Rafael; Vivo cantando, de Salomé; Eres tú, de Mocedades, En un mundo nuevo, de Karina ou outras máis actuacións como Tú canción, de Alfred e Amaia, sonarán xunto a outros coñecidos éxitos do festival, o de maior audiencia do mundo.
O director da formación destacou o esforzo e o traballo que están a realizar para levar a cabo esta forte aposta así como a calidade dos cantantes profesionais, que participan neste novidoso espectáculo da produtora Infinity.
Carlos Cabrelles ten unha dilatada carreira artística. Foi cantante oficial do programa musical El Picú, de Canal 9 durante mais de 400 programas e ademais de participar en destacadas obras de teatro, tamén o fixo en coñecidos musicais como Jesucristo Superstar (no papel de Xudas), El mago de Oz ou Pepe Pan, entre outros.
Aísha Bordas gañou varios certames musicais a nivel nacional e chegou a ser en 2009 candidata a representar a España no Festival de Eurovisión. Ten editados xa dous discos e dende 2012 é vocalista da Allegro Big Band e de Radio Lux.
Tamén participará Laia Benaches, actriz principal de distintos musicais e integrante da Compañía de Teatro Musical de España, onde interpreta diferentes personaxes do xenero do musical con “Antología del Musical”.
Completa o elenco de cantantes Ángel Bellido, habitual en todos os espectáculos de Infinity, con varios discos publicados como cantante en solitario. Co seu primeiro disco realizou unha xira por países como Estados Unidos, Puerto Rico e a República Dominicana.
Na presentación de Eurosinfónico participaron tamén o presidente da Banda, Herminio Gómez; Luis Fuentes, membro da directiva, a concelleira de Cultura, Mónica González, e o alcalde, Manuel Cuiña, quen animou ao público a acudir a disfrutar dun espectáculo que de seguro será un novo éxito da Banda de Música Municipal de Silleda.