Silleda, 22 de decembro de 2016. O Concurso de Escaparates de Nadal convocado polo Concello de Silleda xa ten novos gañadores. Floristería Carmiña acadou, por segundo ano consecutivo, o primeiro premio desta décimo sétima edición, dotado con 200 euros que aporta o Concello de Silleda. O segundo premio, ao escaparate máis orixinal e innovador, recaeu na libraría da Bandeira A Casiña dos Contos, que recrea varios edificios da localidade. Está dotado con 150 euros por xentileza do Hotel Vía Argentum. O terceiro premio, ao máis comercial con exposición de produto foi para a tenda El Atelier de Collette. O premio consiste neste caso en 100 euros en vales de compra que outorga ECOS.
O xurado, presidido pola concelleira de Comercio, Ana Luisa González, estivo integrado por alumnos e profesores do Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais do IES Pintor Colmeiro de Silleda. Ramén se outorgaron mencións especiais á orixinalidade, que recaeron en Óptica Silva, Óptica Titanium, Floristería Marbelis e Carmiña Moda.
Nesta edición participaron un total de 61 establecementos, 55 de Silleda e outros 6 da Bandeira, seguindo a liña de edicións anteriores. O xurado estivo integrado polos alumnos Rocío Barros Carballude, Rebeca Belay Maril, Rubén González Andamollo, Beatriz González Rozas, Estela Martínez Rodríguez, Lucía Pérez Vázquez, Manuel Rego Fernández e Fátima Vilar Rodríguez, baixo a supervisión da coordinadora do ciclo María Helena González Lois. Tamén participaron as profesoras María Teresa Verde e María Teresa López, así coma o técnico municipal Alfredo Abeledo, como secretario do xurado.
A entrega de premios (todos os establecementos recibirán ademais cadanseu diploma acreditativo) terá lugar o vindeiro mércores día 4 de xaneiro no Salón de Plenos do Concello.
Os escaparates premiados quedarán identificados dende hoxe con carteles indicadores do premio que lles foi concedido.
Dende a Concellería de Comercio, Ana Luisa González, felicita aos gañadores e destaca a implicación e o esforzo realizado un ano máis polos establecementos comerciais do municipio. Tamén destaca e agradece o esforzo que moitos deles “realizan ao longo do ano na renovación dos seus escaparates” .
Así mesmo, a concelleira resalta o elevado nivel desta edición, polo que se concederon 4 mencións especiais á orixinalidade “pola extraordinaria calidade dos traballos de escaparatismo que podemos ver nestas datas en Silleda”.
O Concurso de escaparates volveu poñer de manifestó a inventiva e imaxinación de algúns comercios, que están a ser incluso visitados por veciños de outros municipios. González Costa tamén agradece públicamente o traballo do xurado, integrado un ano máis pola comunidade do IES Pintor Colmeiro, “que puxeron todo o seu saber e crítica rigurosa na análise dos escparates”, así coma a colaboración das empresas e entidades colaboradoras (ECOS e Vía Argentum) nesta convocatoria, que vén de cumplir 17 anos.