Garda Civil e Policía Local veñen reforzando a vixiancia en Silleda logo dos últimos roubos

Silleda, 9 de abril de 2014. O Concello de Silleda acolleu hoxe a celebración anual da Xunta Local de Seguridade, na que abordou a situación actual no municipio nesta materia. A sesión, copresidida polo alcalde, Manuel Cuíña (que se estrenaba neste órgano) e polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, contou coa presenza dos representantes das forzas de seguridade (Garda Civil, Unidade Adscrita da Policía Autonómica e Policía Local), a responsable da Unidade Provincial de Violencia de Xénero e membros do goberno silledense.

Coello advertiu ao remate da Xunta que Silleda é un “poboación segura”, cunha tasa de delincuencia que se atopa  dentro dos parámetros habituais, “pese a que algún veciños poidan estar preocupados logo de vivir episodios personais”, engadiu.

Coello, que ao igual que ao alcalde eloxiou a extraordinaria colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, advertiu que, se ben durante os meses de xaneiro e febreiro hou un repunto de delitos na zona, a situación se está atallando dende mediados do pasado mes de marzo con controis e outras medidas preventivas.

Segundo os datos facilitados na Xunta Local de Seguridade, o número de delitos e faltas no municipio de Silleda descendeu nun 31,6 por cento no ano 2013 respecto a 2012. “A evolución foi positiva”, dixo o subdelegado, que sinalou tamén que o número de delitos esclarecidos aumentou tamén no mesmo periodo nun 75%.

Aumento de patrullas e sesións formativas

Coello sinalou ademais que nos vindeiros meses se implementarán servizos e se aumentará o número de patrullas de vixiancia, coordinando o traballo de Garda Civil e Policía Local.  Outra das cuestións abordadas foi o plan director, con actividades nos centros escolares  para a prevención do consumo de alcohol e drogas ou o uso das novas tecnoloxías.

Coello e Cuíña fixeron un chamamento aos pais e nais dos alumnos para implicarse nestas sesións, nas que están a colaborar os centros educativos e tamén as Anpas. Así mesmo, tamén se continuará co programa de charlas dirixidas á poboación maior, que xa se celebraron con éxito o pasado ano nos Centros Sociais dos Maiores de Silleda e A Bandeira.

Nestas sesións a Garda Civil ofrece consellos para poder previr posibles roubos. “Temos que seguir traballando para implicar á poboación”, apunta o subdelegado.

 

Tranquilidade aos veciños e veciñas

Pola súa banda, o alcalde, Manuel Cuíña, tras destacar a excelente colaboración das forzas de seguridade, quixo transmitir aos veciños e veciñas unha mensaxe de tranquilidade logo dos últimos roubos. “Quero que saiban que as forzas de seguridade están traballando moito e ben para resolver estes casos e encauzar a situación”, engadiu.