Silleda, 16 de novembro de 2015. O Concello de Silleda ven de ampliar o seu compromiso coa recollida de roupa e calzado usados. Así, e logo de renovar o pasado mes convenio de colaboración coa ONG Humana-Fundación Pueblo para Pueblo, están xa instalados nas ubicacións previstas.
Así, o número total de colectores pasa de 5 a 7 no termo municipal, logo de que xa se instalaran dúas novas unidades na avenida do Parque de Silleda e na rúa Trasdeza, á entrada da vila dende Santiago.
Estes dous súmanse aos xa instalados nas inmediacións do Centro de Saúde de Silleda; as inmediacións do IES Pintor Colmeiro; a praza da Feira Vella. Na localidade da Bandeira os colectores de Humana están situados xunto ao Centro de Saúde e na praza da Feira.
Este novo acordo vén a mellorar as condicións de colaboración do Concello con esta entidade. Así, a colaboración establece accións de sensibilización, con charlas, xornadas ou campañas co fin de concienciar aos potenciais usuarios do servizo sobre a importancia social da recollida selectiva da roupa usada.
Tamén se levarán a cabo acción para informar aos usuarios sobre a ubicación dos colectores instalados.
Complemento de Silleda Solidaria
A colaboración con Humana vén a complementar o traballo que se está a realizar dende o programa municipal Silleda Solidaria, en concreto a través do roupeiro municipal.
Así, o Concello poderá dispor anualmente dun total de 350 kilogramos de roupa usada sen clasificar recollida mediante os colectores de Humana, para o uso que se considere oportuno.
A maiores, a fundación colaborará co Concello coa aportación de 250 euros anuais por colector (un total de 1.750 euros por ano) durante a vixencia do convenio. Esta cantidade será destinada polo Concello para realizar acción no marco dos obxectivos do acordo, obxectivos que van dende a sensibilización da poboación sobre a reciclaxe a valoración dos residuos, ata o apoio ás familias con menos recursos do municipio, sen esquecer a cooperación internacional para o desenvolvemento, ámbito de actuación da Fundación Pueblo para Pueblo.
Esta ONG desenvolve ende 1987 distintos proxectos de cooperación en países de África, América Latina e Asia e está presente en Galicia desde finais dos anos 90.
Máis de 21.000 kilos recollidos en 2014
No pasado ano 2014, segundo datos de Humana, os veciños e veciñas de Silleda donaron un total de 21.219 kilos de roupa e calzado usados. No que levamos de ano, de xaneiro a outubro, a cifra de recollida xa supera o balance do pasado ano, con 22.156 kilos.
O responsable da área de Recollida de Galicia, Darío Gómez destaca que “cada vez hai máis consciencia acerca dos beneficios ambientais e sociais que representa unha correcta xestión do residuo textil”.
Gómez tamén amosa o agradecemento de Humana á cidadanía polas doazóns. “Queremos que saiban que detrás de cada colector hai un traballo intenso por reutilizar as prendas e darlles unha segunda vida”, engade.
A recollida de textil é un servizo gratuito para o Concello e representa ademais un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos urbanos.