-Realizaránse actuacións nas parroquias de Pazos, Martixe, Carboeiro, Manduas, Parada, Laro, Ponte, Moalde, Escuadro, Fiestras, Silleda-Siador e Graba con cargo aos fondos do Plan Concellos
Silleda, 26 de febreiro de 2022. O goberno municipal vén de rematar o proxecto de mellora integral de vías que suporá un investimento histórico nesta anualidade no municipio de Silleda, con máis de 1,2 millóns de euros.
Estas actuacións, con cargo aos fondos do Plan Concellos da Deputación que lle corresponden ao municipio, están xa contempladas no orzamento municipal deste ano, e suporán a mellora de 17 tramos en distintos puntos do termo municipal, que suman –aproximadamente 20 kilométros de lonxitude.
Así, reformarase o vial da parroquia de Pazos dende a ponte do TAV ata o lugar de Quintás. Tamén en Martixe se mellorará todo o viario do núcleo de Martixe de Abaixo e en Manduas o lugar de Andamollo.
En Carboeiro realizarase o tramo dende Carboeiro de Francia ata o acceso ao mosteiro e na Bandeira renovarase o firme do vial da Devesa, dende o Centro de Saúde ata o enlace ca pista de San Brais, en Chapa.
Na parroquia de Parada as obras de mellora viaria afectarán a dous tramos que discorren entre os lugares de Mediodaldea e Outeiro. Tamén en Ponte se renovarán outros dous tramos: o que vai dende Vilar ata Rosende e que une esta localidade ca parroquia de O Castro, discorrindo paralelamente á AP-53.
En Moalde arraxaránse as pistas que dan acceso aos lugares de Meda e San Xosé, e en Escuadro realizaránse obras nunha das pistas de maior lonxitude: o acceso a Paredes dende a estrada nacional 640.E na parroquia de Fiestras inclúese o vial do lugar de Barcia.
Trasfontao, Santa Mariña e Laro
Tamén en Silleda se levará a cabo a mellora do viario que da acceso a Trasfontao, dende a N-525 ata o lugar de Costoia, xa na parroquia de Siador, ata o entronque co vial autonómico PO-201.
Outra das actuacións que completa este ambicioso proxecto levarase a cabo na parroquia de Graba, mellorando o acceso ao lugar de Santa Mariña, dende a estrada provincial a Forcarei ata esta aldea, pasando polos núcleos de Outeiro, Penalta e Fontao.
Competa a dotación a parroquia de Laro co arranxo de dous tramos: o que vai dende Pelures a Forcas e dende este último lugar ata Sante.
“É un investimento histórico na extensa rede viaria do noso rural”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.
Unha vez presentado ante a Deputación de Pontevedra comezaránse os trámites para a obtencións das autorizacións sectoriais doutras Administracións que se precisan antes da aprobación do proxecto e a súa posterior licitación.
Outros 540.000 euros en vías do rural nos vindeiros días
Por outra banda, nos vindeiros días comezará a executarse outro proxecto de mellora de vías no rural, tamén con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, con outros máis de 540.000 euros de investimento.
A pasada semana a Xunta de Goberno Local adxudicou definitivamente a Taboada y Ramos, por importe de 544.777,67 euros este novo plan de mellora viaria no rural, logo de resultar elixida polos técnicos entre a mellor das ofertas que se presentaron ao concurso aberto.
“Esta nova actuación suporá a mellora integral dunha serie de viais con gran tránsito e vertebradoras de distintas localidades e servizos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Así, no proxecto que foi aprobado hai varios meses e que se viu retrasando pola necesidade de contar con distintos informes e autorizacións sectoriais, -entre outros trámites-, figuran un tramo do vial de entronque ca glorieta da PO-211, dende o recinto feiral Semana Verde, -en Silleda- . Neste caso trátase dun tramo que se atopa en mal estado e que conecta cunha das circunvalacións arranxadas nos últimos anos, e tamén do acceso ao centro educativo que utilizan a diario as persoas usuarias do centro e o transporte escolar.
Por outra banda, tamén se inclúe neste programa e a mellora do acceso e tamén da explanada do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira.
Xa na zona rural o plan de mellora viaria inclue actuacións en distintas parroquias. Así, levaranse a cabo obras de mellora en Ponte (no vial que une Espiño e Carderrei e tamén no vial de entronque ca PO-205 que dá acceso a varios lugares).
Na parroquia de Vilar arranxarase o vial entre O Barral e Mazarelos e en Carboeiro outros dous tramos: un en Carboeiriño e o que une este último lugar ca parroquia de Ansemil, con case 1 kilómetro de lonxitude.
En Lamela actuarase nun tramo de 1.095 metros dende o acceso da N-525 na Goleta (cara á igrexa) atra o lugar de Vilariño.
Tamén con cargo a este plan de actuación se mellorará a pista central que vertebra a parroquia de Dornelas, con algo máis de 2, 4 kilómetros de lonxitude.
Nesta zona figura tamén o vial do Curro, na parroquia de Cira, dende o entronque ca EP7017.
Inclúese tamén a reforma integral do vual dende Riocalvo ata Rellas, pasando por Gamil, en Margaride; así coma o tramo de estrada que vai dende a N-640 en Moalde en dirección a Olives, tamén con máis de 1,3 kilómetros de lonxitude.
Completan o proxecto dous viais na parroquia de Taboada: o tramo desde Trasdovalo ata Ponte Taboada e o que vai dende a estrada N-525 ata o lugar de Carballeda.
En todas elas acometerase a mellora do firme cunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente.
“Con estes dous proxectos quedarán solventadas as deficiencias nas vías propostas, cun investimento histórico para o noso municipio en materia de arranxos de camiños municipais”, explica o alcalde.
Completarán as actuacións do Plan Concellos as obras previstas a través do Plan Marco, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de mellora de camiños rurais para esta anualidade.