Librería Pily, Floristería Carmiña e Carmiña Moda gañan o XIII Concurso de Escaparates

 

Silleda, 4 de xaneiro de 2013. O xurado do XII Concurso de Escaparates de Nadal, convocado pola Concellería de Comercio e Industria,  vén de dar a coñecer o seu fallo. O premio absoluto, outorgado polo Concello de Silleda, recaeu este ano na Librería Pily. Está dotado con 200 euros máis diploma xunto cun fin de semana para dúas persoas na casa Aldea Oca Ruiloba (Ribadesella-Asturias), por xentileza da cadea Oca Hotels.

O premio ao escaparate máis orixinal e innovador é para Floristería Carmiña. Está outorgado pola firma Espina y Delfín, dotado con 150 euros máis diploma e una fin de semana no Hotel Balneario Augas Santas de Pantón (Lugo), tamén por xentileza de Oca Hotels.

Por último, o galardón á proposta máis comercial con exposición do produto recaeu en Carmiña Moda. A Asociación Ecos outorgaralle aos seus responsables vales de compra por importe de 100 euros en comercios asociados e diploma e Oca Hotels dous accesos ao circuito termal do Hotel Spa Oca Katiuska de Silleda.

A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro luns día 7 de xaneiro. Nesta décimo terceira edición do certame o xurado estivo presidido polo concelleiro de Comercio, Klaus Brey, e formado por dous membros da asociación de vecinos Olaia, dous da Asociación de Veciños de Manduas (Avema), un membro da Asociación de Empresarios e Comerciantes (ECOS), e dous representantes da xuventude silledenses.

Corenta e nove participantes

Nesta edición participaron un total de 49 comercios (44 de Silleda e 5 da Bandeira), sete máis que o pasado ano (con 42 en total)

“Hai que destacar e agradecer a importante participación dos establecementos de Silleda e da Bandeira, que a pesares da crise veuse aumentada con respecto a edicións anteriores”, sinala Klaus Brey. O concelleiro e presidente do xurado destaca a inventiva e imaxinación postos por algúns comerciantes  que son incluso visitados por persoas doutros lugares,   elevando o nivel e calidade dos produtos que se amosan.

“Tamén quero amosar una vez máis , dende a Concellería de Comercio  do Concello de Silleda e da Comisión Organizadora, o noso agradecemento pola  resposta dada a  esta convocatoria  xa  por parte dos comerciantes , xa  polo das empresas colaboradoras, Grupo Oca Hotels, ECOS e Espina & Delfin”, engade.