Silleda, 14 de novembro de 2017. O Concello de Silleda continúa apostando pola mellora da rede viaria do municipio. Entre os proxectos de arranxo do firme que están que se remataron nos últimos días figura o do vial municipal que circunda o recinto ferial da Semana Verde pola zona oeste.
Este tramo parte de cerca da avenida da Estación e continua ata a zona deportiva e escolar da vila de Silleda. “Trátase dun vial moi utilizado polos veciños e veciñas e tamén polos visitantes que se achegan ata o recinto ferial e que agora quedou arranxado logo de acumular distintos desperfectos nos últimos anos”, explica o alcalde Manuel Cuiña.
A inversión na mellora do firme superou os 41.000 euros, contando para elo cunha subvención de 33.054,42 euros da Dirección Xeral de Administración Local para a Mellora de Infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Entre outros nesta zona figuran ademais das instalacións deportivas municipais e do propio recinto feiral , o CEIP de Silleda, Escola Infantil A Galiña Azul, ou Escola de Música.
Ademais de renovarse o firme de todo o tramo tamén se procedeu ao pintado deste viario situado na parte oeste do recinto feiral.
Con este proxecto, complétase tamén a mellora das rúas da periferia de Silleda nesta zona, logo de que en 2015 se realizara a intervención do acceso por Vilanova, creando tamén un circuito de sendas peonís e que o pasado ano se dotara de sendas a estrada de O Castro.