Máis de 30 establecementos participan na feira exterior do programa Silleda 10

 

Silleda, 21 de marzo de 2013. Máis de 30 establecementos participarán este sábado día 23 na feira exterior do programa Silleda 10, unha iniciativa pioneira para a dinamización do comercio local. A cita poñerá o punto e final á primeira edición desta iniciativa na rúa Cartaxena, un emprazamento céntrico nunha rúa que foi ademais reformada recentemente. O Concello de Silleda instalará mañá unha carpa na rúa Cartaxena, á vista das previsións meteorolóxicas, para a celebración desta feira, que abriá ao público o sábado dende as dez da mañá ás dez da noite.

Roupa, calzado, complementos, flores e prantas, artigos de construcción, viaxes e seguros, libros, mobles, electrodomésticos, e produtos alimentarios serán algúns dos protagonistas desta xornada coa que remata o programa dinamizador posto en marcha pola Concellería de Emprego. Unha cita con produtos de calidade 10, a uns prezos 10. A rúa quedará pechada ao tráfico dende mañá venres ás 14.00 horas.

Ao longo da xornada haberá un total de 10 sorteos, ás horas e dez (10.10; 11.10; 12.10; 13.10; 14.10; 16.10; 17.10; 18.10; 19; e ás 20.10 horas). O gran premio final, que se sorteará ás 20.10 horas, consistirá en  compras por valor de 500 euros nos establecementos adheridos á campaña. O sorteo deste será o último, ás 20.10 horas.  Entre os premios figuran tres lotes de produtos de limpeza por valor de 75 euros cada un, donados pola firma local Disiclín; dous premios de de 20 €  cada un equivalentes a 10 lavados normais de coche (cada premio), por xentileza da Estación de Servizo Silleda; ou 20 puntos de revisión gratuita de vehículos ou pre ITV, que inclúe revisión de niveis, desgaste de elementos, freos, análises de gases; comprobación de perdas de aceite, pastillas de freo…Estes premios chegan da man de varios talleres silledenses (Barrio , Carbón, Dario,  Taín, Tato e Sixto) A campaña, coa calidade como máxima, comezou o pasado día 14 e rematará o décimo día con este certame de venda na rúa.

Degustacións de lacón e empanada e recuperación de feiras

Así mesmo, a xornada tamén contará coa colaboración de dous colectivos gastronómicos do municipio como son a Asociación de Amigos da Empanada da Bandeira e a Asociación Cultural O Lacón, que ofrecerán ao público asistente degustacións destes dous embaixadores de Trasdeza.

A degustación de empanada será sobre as 13.30 horas e a de lacón (asado) sobre as 20.00 horas.

A coincidencia da xornada nun día 23 tamén ven a significar o inicio da recuperación das tradicionais feiras de Silleda, que se celebraban os días 6 e 23 de cada mes. “Queremos que este sexa o inicio do proceso de recuperación destas citas tradicionais”, sinala o concelleiro de Comercio, Klaus Brey.

Dende a organización faise extensivo o agradecemento a todas as empresas e asociacións que participan apoiando tamén esta iniciativa pioneira e novidosa, na que veñen participando 54 establecementos dende o pasado día 14 de marzo e anímase a todo o público en xeral e aos silledenses en particular a asistir a esta xornada feiral, “na que se potenciarán os produtos locais e o noso comercio, sempre coa calidade como grande referencia”.