Silleda, 27 de xuño de 2013. A Ruta da Prata cara a Compostela segue a rexistrar unha elevada afluenza de peregrinos durante estes meses de verán. No Concello de Silleda xa se rexistraron reservas para a pernoctación de grupos no pavillón da Bandeira, lugar habitual para dar cabida a este tipo de expedicións. En total o número de reservas para os vindeiros meses de xullo e agosto sitúase en 507 persoas.
Entre os grupos que visitarán o municipio e farán noite no pavillón da Bandeira figuran peregrinos procedentes de Toledo, Lisboa, Córdoba, Valencia, Badajoz, Sevilla, Madrid, a localidade de Daimiel ou Valladolid, dende onde chegará o grupo máis numeroso, do colexio dos Carmelitas, o vindeiro día 4 de xullo.
Dende a Concellería de Turismo Klaus Brey destaca a grande afluenza de peregrinos para os que o municipio que segue a ser parada no seu itinerario hacia Santiago. Nas últimas semanas, coincidindo co inicio da época estival, aumentaron as reservas dos grupos de distintos puntos da xeografía española que realizan reservas para utilizar o pavillón.
Brey advirte que coa apertura do albergue da Bandeira mellorará a atención aos milleiros de persoas que elixen cada ano a Vía da Prata. Dende o Concello agárdase que o Xacobeo poida abrir canto antes este edificio, que contará cun total de 36 prazas. Logo da dotación de auga, electricidade, e a urbanización do acceso ao edificio modular, situado na rúa Lourás, o albergue estaría só pendente de flecos administrativos para abrir as súas portas ao público. “Esperemos que se poida inaugurar no menor tempo posible tendo en conta que a época de verán é na que se rexistra unha maior afluenza de peregrinos”, engade Brey.