O servizo de ITV móbil para vehículos agrícolas volveu a ter un existoso balance en Silleda. En total fixeron este trámite máis de 700 vehículos pertencentes a gandeiros e agricultores do municipio. Esta cifra supón un incremento do 7,5% respecto ao ano 2012. En total, a unidade móbil estivo 10 días no municipio, durante o pasado mes de marzo, repartindo o servizo en 4 localidades (Silleda, Laro, A Bandeira e Escuadro). Á vista da demanda amosada polos gandeiros, este ano dende o departamento de Medio Rural, que dirixe Antonio Couso, solicitouse unha ampliación do servizo, con máis xornadas e máis horas de atención.
“Pese á crise e ao peche de explotacións, os gandeiros e agricultores de Silleda amosan con estes datos o seu sentido da responsabilidade, algo que é de agradecer”, sinala o concelleiro Antonio Couso, que lembra que Silleda é un dos municipios galegos cun dos maiores parques móbiles de maquinaria agrícola. Cabe destacar que non se rexistrou ningunha incidencia nas xornadas de inspección.
Por outra banda, os gandeiros da zona da Bandeira apuntaron a posibilidade de trasladar o servizo a unha zona cuberta en caso de choiva. Unha das posibilidades que se barallan para outros anos é o campo da festa da parroquia de Lamela.