-
A partir de setembro realizaranse sesións de formación sobre xestión de redes sociais, posicionamento web e estratexias de marketing e comunicación
-
A iniciativa xurde do convenio entre Concello de Silleda e a Fundación Roberto Rivas para impulsar o tecido socioeconómico
Máis dunha ducia de persoas participaron este luns 22 de xullo na reunión para comezar a deseñar o plan de dinamización do Viveiro municipal de empresas, que se quere por en marcha antes de rematar o ano, froito do convenio de colaboración entre o Concello de Silleda e a Fundación Roberto Rivas.
A reunión estivo presidida pola alcaldesa e responsable municipal de Promoción Económica, Paula Fernández, e pola directora da Fundación Roberto Rivas, Olga Rivas. Paula Fernández puxo en valor a figura e o legado de D. Roberto Rivas, que agora continúa en Silleda a través da fundación que leva o seu nome.
No encontro recolléronse as opinións dos representantes do tecido comercial e empresarial de cara a establecer, a partir do mes de setembro, un ciclo de formación con varias sesións. Nesta primeira sesión, algunhas das propostas das persoas asistentes están relacionadas coa xestión das redes sociais, posicionamento web e as estratexias de márketing e de comunicación.
A esta primeira reunión tamén asistiron directivos de ECOS, da Asociación de Empresarios de Área 33 e da Asociación de Empresarios do Deza.
Entre os apartados que recolle o convenio asinado polo Concello e a Fundación Roberto Rivas figura a dinamización do tecido socioeconómico do municipio, potenciando o viveiro municipal de empresas. O obxectivo e fomentar o emprendemento e a creación de novas empresas, así como a promoción de accións que axuden á consecución da Axenda 2030 no municipio.