No Día Internacional das Mulleres, 8 de marzo, o Concello de Silleda aposta firmemente pola defensa dos dereitos, a liberdade e a seguridade das mulleres, e nas políticas de igualdade como instrumento para mellorar, non só a vida das mulleres senón de toda a cidadanía.
Este concello está comprometido co cambio social que impulsa o feminismo. Non poderá existir verdadeira transformación si non se conta de xeito esencial coas mulleres, coa súa participación e contribución.
As mulleres atópanse na primeira liña da crise da Covid-19, xa sexa coma traballadoras da saúde, coidadoras, innovadoras e organizadoras comunitarias. Dunha parte, a maior rápidez e éxito na resposta á pandemia dos países dirixidos por xefas de goberno, acadaron o recoñecemento da comunidade internacional e puxeron baixo os focos a eficacia do liderado feminino.
Na batalla sobre o chan as mulleres levaron máis peso, en tanto que son maioría no persoal sociosanitario e que, froito da desigualdade no ámbito privado, asumen unha carga moito maior nas tarefas de coidado. Por outra banda, cómpre sinalar que as medidas para conter o coronavirus xeraron circunstancias que agravaron a maior das crueldades do machismo, a violencia sobre as mulleres.
Desde a súa orixe, a humanidade ten unha gran conta pendente co xénero feminino en materia de xustiza social. As melloras políticas e normativas son fundamentais para avanzar, pero para a igualdade real é imprescindible a vontade social de cambiar as cousas.
Queremos unha sociedade na que as mulleres vivan libres de violencia, unha sociedade paritaria e participativa na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito e por capacidade, e sexan donas dos seus corpos, seus desexos e as súas decisións.
Queremos poñer fin á fenda salarial de xénero e a fenda de abandonos e reducións de xornadas laborais para facer de coidadoras, impulsar a acción feminista pola xustiza climática, coeducación e corresponsabilidade, pechar a fenda na educación e tecnoloxía dixital das nenas e liderado feminino.
Queremos mulleres na ciencia e desafíar os estereotipos de xénero que limitan as ambicións e os soños das nenas e atrapan aos nenos en masculinidades opresivas.
Fagamos desto unha realidade.
Esta Corporación Municipal fai un chamamento a toda a veciñanza, ás institucións e organizacións, para que xuntas e xuntos avancemos cara unha sociedade máis xusta e igualitaria, na que ninguén se quede fora. No Día Internacional da Muller, comprometémonos a facer todo o posible para superar os prexuizos arraigados, apoiar o compromiso e o activismo, e promover a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres. POR UN FUTURO IGUALITARIO NO MUNDO DA COVID-19