MANIFESTO DO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Dende o Concello de Silleda súmamonos ao Manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) con motivo do Día Internacional da Muller

# concellos galegos, rexeneración en igualdade

 

A superación da crise sanitaria, económica e social que vén de socavar os alicerces do mundo, ten que pór o foco na figura da muller e pasar necesariamente polo seu reforzamento. O progreso é incompatible coa inxustiza e a mediocridade que presiden a discriminación por razóns de xénero. A valía e dignidade da muller son incuestionables e non poden continuar -baixo ningún pretexto- ameazadas, minguadas nin tan sequera infravaloradas. Ademais de absolutamente irracional e inxusto, este comportamento lastra o desenvolvemento da humanidade en todos os eidos.

O proceso de rexeneración que estamos a emprender debe ser o fin desta histórica conta pendente para calquera sociedade que se considere civilizada. É o momento de forxar xeracións de igualdade real e intrínseca, cuxas xentes non poidan sequera imaxinar outro modelo e repudien instintivamente calquera forma de discriminación ou ataque ás persoas, incluída a que se exerce sobre as mulleres. Para iso todos os cambios, decisións e accións que se están a dar nestes tempos deben facerse dende a perspectiva de xénero: mesma consideración, mesmo trato, mesmas oportunidades, mesmas obrigas…

Os concellos somos a Administración da cidadanía, a que lle xera maior confianza. Temos un papel relevante na construción social en igualdade ao sermos quen ten máis capacidade para chegar aos corazóns e ás conciencias, cimentos estes máis determinantes no comportamento.

Neste contexto, as entidades locais galegas proclamamos a igualdade de todas as persoas independentemente do seu sexo, reiteramos o noso compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e co obxectivo de que ocupen o lugar que lles corresponde (o mesmo que os homes). Por iso, reunidas baixo esta declaración da Fegamp á que se suma o Concello de Silleda:

  • Instamos a todos os organismos e entidades públicas e privadas, axentes sociais, sectores produtivos e á sociedade en xeral a subscribir esta declaración e aplicar os principios de igualdade de dereitos e responsabilidades entre mulleres e homes.
  • Salientamos o inestimable e imprescindible valor da muller no desenvolvemento das persoas, da xeración de riqueza e do progreso da humanidade, e instamos á súa visibilidade
  • Denunciamos a inxustiza da desigualdade que persiste ata o de agora na sociedade que pon ás mulleres en situación de vulnerabilidade en múltiples eidos da vida, especialmente no laboral, no que sufriron un gran retroceso por mor da pandemia. Comprometémonos a empregarnos activamente e a fondo para a súa corrección
  • Manifestamos o noso compromiso por aplicar todas as medidas posibles no seo das nosas organizacións e nos nosos ámbitos de influencia
  • Reclamamos a dotación apropiada para tal fin segundo as competencias contempladas na Lei Reguladora de Bases do Réxime local
  • Sinalamos a obrigatoriedade de coordinar e sumar as máximas sinerxías posibles na busca da igualdade, aumentar esforzos e medios e dar prioridade a este obxectivo. Comprometémonos a aportar e impulsar este proceder dentro das nosas posibilidades