Silleda, 24 de xaneiro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, mantivo unha reunión co xerente da S.A de Xestión do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, e con técnicos autonómicos para abordar as posibilidades de futuro das instalacións do camping situado en Medelo.
Durante o encontro plantexouse a posibilidade de destinar o recinto a campamento de verán e utilizalo durante a época de inverno como punto de atención a caravanas.
Tamén se falou da posibilidade de que a concesión, que ten o Xacobeo, revirta no Concello de Silleda.
“Foi un primeiro encontro para analizar os posibles usos”, explica o alcalde, que plantexou o seu uso como campamento xuvenil na época estival á vista da gran demanda existente neste tipo de instalacións.
Esta opción incluiría o uso das instalacións fóra da época estival como punto de atención a caravanas.
Cuiña sinala que en todo caso habería que buscar a financiación necesaria para acometer as reformas, que están valoradas a día de hoxe en 300.000 euros. “Podería plantexarse un acordo entre as administracións para acometer as obras necesarias”, sinala lembrando o deterioro que sufre o edificio ao levar anos pechado.
Estudo municipal
“O importante é que hai vontade por parte do Xacobeo, que ten a concesión, para desbloquear a situación de Medelo”, reitera o rexidor.
Cuiña tamén expuxo durante o encontro as potencialidades de Silleda no plano turístico e as actuacións realizadas dende o Concello para a posta en valor de novos recursos, como a mellora da praia fluvial de Cira, o acondicionamento do muiño de Covián de Rellas ou a creación do roteiro da Fervenza da Férveda, en Escuadro, que se suman á valía do mosteiro de Carboeiro e a Fervenza do Toxa, emblemas do municipio. “Este traballo foi moi valorado tanto polo responsable do Xacobeo como polos técnicos de cara a valorar as posibilidades de futuro do camping”, engade.
O seguinte paso logo deste primeiro encontro será a realización dun estudo por parte do Concello de Silleda no que se recollan as posibilidades de uso das instalacións.
O camping de Medelo foi inaugurado en decembro de 1997 pero 4 anos despois, logo dun conflicto entre o empresario que tiña a concesión e o Xacobeo pechouse. Dende o 2001 e ata o verán de 2013 viñase usando como albergue de peregrinos.