Silleda, 7 de outubro de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, vén de convocar aos veciños e propietarios da parroquia de O Castro a unha xuntanza que se celebrará o vindeiro luns día 10 ás 20:30 horas.
Nesta reunión, que se celebrará no local social da parroquia, na coñecida como Casa do Caminero, o goberno municipal xunto cos técnicos responsables do proxecto, explicarán aos veciños a dotación de sendas peonís dende o cruce da rúa da estación (xunto á rotonda) ata o actual tramo de beirarrúas na localidade, na marxe dereita da estrada en dirección a Breixa.
O proxecto, que foi adxudicado xa o pasado mes de xullo, inclue ademais a construcción dun carril bici, que se proxecta dende o citado cruce ata as pistas deportivas de O Castro.
Esta obra, que suporá unha inversión de 150.000 euros, comprende un tramo da estrada autonómica PO-211 e outra da provincial EP 6502.
“Consideramos que se trata dunha iniciativa beneficiosa e moi necesaria para reforzar a seguridade neste tramo, sobre todo tendo en conta que aumentou a afluenza de xente que se achega ata as pistas a pé”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que esta dotación era unha das obras previstas no programa do goberno municipal.
A actuación foi solicitada xa o pasado ano dende o Concello á Xunta de Galicia, unha solicitude que se viu reforzada cun escrito veciñal acompañado de 68 firmas de veciños e usuarios que pedían esta dotación.
Dende o Concello tamén se lembra que nesta estrada se teñen producido situacións de perigo e mesmo algún atropelo.
Na proposta do goberno municipal tamén se inclué o carril bici “para facilitar o acceso das persoas que se achegan en bicicleta ata as instalacións deportivas, que cada vez contan con maior afluenza de público”, engade.
Ademais, Cuiña advirte que coa continuación das beirarrúas dende a rotonda da Avenida da Estación, se completaría o circuito peonil periurbano, que se mellorou o pasado ano coa nova dotación na estrada de Vilanova, ou o remate de aceras no tramo de Morón, entre outros.