Silleda, 16 de xaneiro de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e o tenente de alcalde, Klaus Brey, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, para pechar dous proxectos nos que interveñen ambas Administracións: a renovación do campo de fútbol da Bandeira, que se dotará de herba artificial, e a mellora integral da carretera entre Cira e Piñeiro. Á reunión tamén asistiron o vicepresidente da Deputación, Xosé Crespo e o director de Infraestruturas da Deputación, Manuel González Juanatey.
No tocante ao campo de fútbol da Gandareira, onde o Concello xa asumiu o seu compromiso renovando o sistema de iluminación, agardase contar en breve co proxecto para remodelar o terreo de xogo e outras dependencias. No encontro acordouse que a vindeira semana se reunirán técnicos da Deputación e do Concello para rematar o proxecto e unha vez que esté listo firmarase o convenio e comezarase xa coas obras.
Por outra banda, no encontro tamén se abordou a mellora integral da estrada á parroquia de Cira, que une ademais o municipio de Silleda cos de Vila de Cruces e Boqueixón.
Cuiña xa recibiu hoxe os planos nos que se proponen dúas alternativas para mellorar o trazado, eliminando as curvas pronunciadas coas que conta a día de hoxe esta vía de comunicación. “Os técnicos están xa facendo as valoracións económicas e en canto decidamos, entre o Concello e a Deputación cal é mellora alternativa, xa nos poñeremos en contacto cos propietarios afectados”, explica o alcalde.
Compromiso do Concello: conseguir os terreos
A valoración económica desta ambiciosa e agardada obra estará lista nun prazo aproximado de 15 días. Dende o Concello o alcalde explica que o compromiso da Administración Local pasa por conseguir os terreos necesarios, ben por compra, doazón ou expropiación, para executar as obras, que asumirá a Deputación.
“Foi unha reunión moi productiva na que se pecharon cuestións relativas a estas dúas obras, que agardamos poidan comezar no menor prazo posible, xa que tanto a mellora integral da estrada como a reforma do campo de fútbol beneficiarán a un gran número de veciños e veciñas”, explica Manuel Cuiña.